Marcos Mata, presidente do CPETIG: “Ninguén pode ficar alleo á cuestión da seguridade na Rede”

mércores, 16 de outubro do 2013 Fernando Sarasketa

A eventos como as Xornadas de Informática Xudicial e Delitos informáticos que se celebran o día 25 de outubro en Santiago resulta especialmente aconsellable acudir da man de alguén, coma quen di. Dito doutro xeito: mesmo se somos profesionais dalgúns dos eidos que se tocan nas xornadas, con sobrada experiencia neles, non vén de máis adiantármonos ao que nelas se nos vai ofrecer. Ou sexa, documentármonos. En Código Cero tivemos a oportunidade de facelo do mellor xeito posible: falando con Marcos Mata, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG, entidade organizadora do evento.
Foi unha introdución de primeira man ás xornadas que a continuación reproducimos para os nosos lectores, aos que poñemos ao tanto de cousas como os temas a tratar (ciberseguridade e os múltiples temas lindeiros que acompañan á cuestión, moi de actualidade tralo caso de Edward Snowden) ou a quen van dirixidas (diríxense a profesionais das TIC e da xustiza, pero tamén teñen fondas implicacións de cara a cidadanía, que segundo Marcos Mata non pode ficar allea a esta temática).
-De novo celebrades as Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos, o día 25 de outubro na Cidade da Cultura. O fío temático desta nova edición (a terceira) será a ciberseguridade. Trátase dun concepto moi amplo, cara a que parte do mesmo vanse dirixir as Xornadas?
-Efectivamente o tema central das Xornadas é a ciberseguridade e sistemas forenses de intrusión, que abordamos dende os riscos da ciberseguridade e os novos sistemas forenses de intrusión, de especial actualidade polo recoñecemento de importantes compañías da cesión de información aos gobernos de xeito global tras as filtracións realizadas polo ex membro da CIA Edward Snowden.
-Dise na presentación destes encontros que boa parte dos temas a tratar teñen moito impacto social e implican directamente aos cidadáns, a que vos referides con isto?
-A extensión da informática a todos os ámbitos da vida cotiá fai que ninguén poida quedar alleo a esta temática, como usuarios somos xa cada día posibles vítimas dos delitos informáticos, e moitas veces, sen sabelo tamén podemos acabar sendo culpables. Pero é que coma cidadáns podemos estar directamente afectados de moi diversas maneiras, a protección do acceso aos nosos datos persoais e o uso que se faga deles, os delitos cometidos a través da Rede, pero tamén o impacto que nos pode supoñer os ataques a terceiros, como están suxeitas a sufrir as infraestruturas críticas. Moitas veces pensamos que o único que debemos protexer é a nosa tarxeta de crédito, e esquecemos que no mercado negro de delitos informáticos ás veces págase máis por unha conta de Facebook que polos datos da nosa tarxeta.
-As xornadas desenvolveranse en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en base ao acordo asinado recentemente entre este organismo da Xunta e o voso colexio. Cales son os obxectivos deste acordo?
-A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia entende que a situación de incerteza económica esixe aos axentes implicados no desenvolvemento económico de Galicia un esforzo para paliar os seus efectos, e está a impulsar medidas dinamizadoras da economía galega. Neste contexto, o sector das TI galego debe converterse nunha das áreas produtivas claves no desenvolvemento económico e social da nosa terra, pola súa condición de acelerador do cambio tecnolóxico e polo seu carácter transversal ao resto de sectores. A AMTEGA ten entre os seus obxectivos prioritarios acadar un desenvolvemento efectivo da Sociedade da Información na Comunidade Autónoma, promovendo aquelas accións que faciliten e impulsen a incorporación de toda a sociedade aos novos recursos tecnolóxicos da información e das comunicacións e a implicación dos cidadáns galegos na utilización das novas tecnoloxías como factor xerador de novas capacidades, de emprego e de desenvolvemento económico. Con este obxectivo, o Colexio e a AMTEGA asinamos un convenio de colaboración para a posta en marcha dunha serie de actuacións para o fomento da Sociedade da Información, entre as que se encontran as Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos.
-No programa de actividades das xornadas dise que a intención buscada -no que respecta ao grupo de expertos convocado- foi a de acadar a visión global máis ampla. Que temas vos vai permitir cubrir este elenco de especialistas cos que ides contar? Hai algunha novidade no alcance do programa con respecto ás anteriores edicións?
-A principal novidade en canto ó programa é a presencia por primeira vez dun organismo internacional, grazas a presenza de Manuel Álvarez Sobredo, responsable de implantación de EC3 e que, aínda que virá dende Holanda, é galego. EC3 é unha entidade pertencente a Europol, que actúa como plataforma de enlace de cooperación, teñen os mellores expertos, recrutados dos servizos nacionais de policía. En canto á visión, un exemplo claro son os relatorios de David Maeztu, avogado, e de Marta García, fiscal, especializados ambos na temática e que enfocarán o que supón estes novos medios de proba dende o punto de vista da avogacía ou dos retos aos que se enfronta a fiscalía. A visión complétase ademais coa opinión de fiscais, forzas de seguridade e do propio Secretario Xeral da Administración de Xustiza.
-Que nos podes destacar do programa en si mesmo? Respecto do programa, para un profesional das TI cales serían os relatorios aos que non podería deixar de acudir? E no que se refire a un profesional da xustiza?
-É difícil establecer esta diferenciación, dende logo eu como profesional das TI non me perdería ningún relatorio, polo interese xeral de todos eles. Por poñer un exemplo, o relatorio de Eloy Velasco, Os novos medios de proba electrónica no procedemento xudicial, pode ser de especial interese para os peritos informáticos, pero estou seguro que tamén é útil para profesionais da xustiza, enfrontados a esta problemática no seu traballo cotiá.
-Cara a quen se dirixen basicamente as Xornadas?
-Están dirixidas a todos os profesionais da xustiza, pero tamén os profesionais TI que desexen especializarse en áreas relacionadas cos delitos informáticos e coñecer a súa realidade.
-Ollando por enriba as directrices desta terceira edición dos encontros, temos a impresión de que os profesionais das novas tecnoloxías, os informáticos e informáticos técnicos, non só están condenados a entenderse cos profesionais da xustiza, senón que semellan abrirse importantes eidos de colaboración profesional. É así?
-Realmente cada vez hai máis profesionais do sector das TI que teñen coñecementos legais para poder asumir tarefas relacionadas coa protección de datos, peritaxes informáticas, etc. E tamén hai profesionais da xustiza que adquiren coñecementos do ámbito das TI, son claros exemplos a creación da Fiscalía de Criminalidade Informática, ou a existencia de entidades como ENATIC, avogados especializados nas TI. E un claro exemplo desta relación son estas Xornadas, organizadas dende un Colexio Profesional do ámbito das TI, pero especialmente dirixidas aos profesionais da xustiza.
-Xa tocando outros temas, como está a día de hoxe o desenvolvemento da Lei de Servizos Profesionais, un regulamento en preparación que vos deixa fóra dos recoñecementos das demais enxeñarías? Que estades a facer dende o CPETIG para reivindicar un cambio de rumbo na súa materialización?
-No tocante á tramitación da nova lei de Servizos e Colexios Profesionais, o traballo estase a facer sobre todo dende o Consello Xeral de Colexios (CONCITI), por tratarse do máximo representante da profesión a nivel estatal, traballo que é apoiado dende o CPETIG. Dende CONCITI, entidade que teño a honra de presidir, tense traballado xa dende hai moito tempo no tocante a esta lei, que xa foi proxecto en anteriores lexislaturas. Nos últimos meses, e ante a presentación do anteproxecto, reforzouse este traballo, con contactos con todos os grupos políticos do Congreso, e co Goberno, a través dos Ministerios de Industria e Turismo e Economía e Competitividade. Efectivamente, a nosa profesión vén sufrindo historicamente un agravio comparativo respecto do resto de enxeñarías e entendemos que esta lei será a oportunidade para corrixir esta situación. Xunto coa Enxeñería Química somos a única que non conta con atribucións, o que esta a afectar á nosa profesión, por poñer un exemplo claro, esta situación fai que, por exemplo, os másters en Enxeñaría Informática sexan máis caros cós das outras enxeñarías.
Afortunadamente, algúns textos filtrados durante o proceso non viron a luz, e descartouse do anteproxecto a lista de enxeñarías onde explicitamente excluíanse as de Informática, pero cremos que esta lei debe dar outro tratamento ás tecnoloxías da información.
Hoxe en día ninguén discute xa a transcendencia das novas tecnoloxías, a nivel económico e social e en entornas que afectan directamente á saúde e seguridade das persoas, por iso entendemos que a lei debe recoller unha mención explícita, que permita que o traballo que se vai iniciar unha vez aprobado dea o tratamento axeitado aos profesionais que teñen os coñecementos relacionados con estas áreas.
A Constitución Española, no seu artigo 18 establecía xa, no ano 1978, a importancia da informática, mencionándoa de forma explícita no artigo sobre os dereitos fundamentais, e obrigando á lei a limitar o uso da informática para garantir a honra e a intimidade persoal e familiar dos cidadáns e o pleno exercicio dos seus dereitos.
Recentemente os Consellos Xerais en Informática reunímonos co director xeral de Política Económica, quen se amosou sensible ás nosas reivindicacións, polo que agardamos que o texto que finalmente se presente ao Parlamento revise determinados aspectos nos que nos vemos afectados.
-Recentemente participaches en Ourense, na apertura do curso académico, nunha mesa redonda sobre as profesións informáticas e o papel dos colexios, sendo un dos temas a tratar a devandita Lei de Servizos Profesionais. Que lles transmitiches daquela a estudantes e profesores? Dicías que seguides a ser unha profesión cuxas atribucións profesionais aínda non están estar recoñecidas...
-Nesta charla trasladamos aos estudantes de Informática do campus de Ourense cal é a situación actual da nosa profesión e o escenario que xera a nova LSCP, pero tamén as funcións dos Colexios Profesionais, e en concreto a particularidade dos Colexios das Enxeñarías en Informática. Somos uns colexios novos, modernos e centrados na defensa da profesión, pero tamén en ofrecer servizos tanto aos colexiados, coma á sociedade.
Por desgraza, somos un colectivo pouco implicado en xeral co asociacionismo. Malia ser unha das enxeñarías con máis titulados, o número de colexiados segue a ser unha porcentaxe reducida, é algo que acontece en Galicia, pero tamén no resto de autonomías. Dende logo, a colexiación é un paso importante para conseguir este recoñecemento, cantos máis colexiados sexamos, máis recursos e recoñecemento obteremos, tanto a nivel autonómico como estatal. Custou moito traballo ter un Colexio que poida representarnos a nivel autonómico e un Consello a nivel estatal, e creo que non se está a sacar todo o aproveitamento que poderiamos de ter un respaldo maior. Tal e como trasladamos tamén nesas charlas, animamos aos estudantes a participar do traballo do Colexio, incorporándose como precolexiados, procuramos de xente nova que queira traballar pola defensa da profesión e participar activamente nesta entidade.
-Que máis ten entre mans o CPETIG en materia de divulgación, formación ou asesoramento?
-O programa de actividades neste ano 2013 foi moi amplo, ademais da actividade normal do Colexio, comezamos no mes de marzo cun curso de desenvolvemento de aplicacións móbiles; en abril tivemos o Obradoiro de Emprendemento TI, enmarcado no convenio de colaboración coa AMTEGA e que supuxo a publicación ademais dunha Guía de Emprendemento dispoñible para descarga na web do Colexio, cpetig.org. En maio, e co patrocinio da Dirección Xeral de Xustiza impartimos o curso teórico de peritaxes e informática forense, e en xuño retomamos as actividades do Convenio coa AMTEGA, coa serie de charlas sobre o uso das redes sociais por menores, con edicións en Santiago, A Coruña e Ourense, pero emitida tamén por vídeo conferencia a máis de 20 aulas CeMIT de toda Galicia. Xunto coas Xornadas de Informática Xudicial, e para rematar a actividade do ano, celebraremos un curso práctico de peritaxes e informática forense. Dende logo, creo que é un moi ambicioso calendario, que esixiu un esforzo importante e que permitiu que case medio millar de persoas puidesen asistir ás nosas actividades, a maioría, de xeito gratuíto ou cun custo de inscrición moi axustado.

PUBLICIDADE