Marcelo Castelo impartirá un curso para axudar aos tecnólogos a crear un discurso único e influínte

luns, 4 de abril do 2022 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza un curso práctico sobre Storytelling para tecnólogos impartido polo pensador, investigador e divulgador Marcelo Castelo. O obradoiro, de tipo presencial, impartirase os días 22 e 23 de abril e o 7 de maio no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago para un máximo de vinte persoas (venres de 16:00 a 20:00 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas).
Marcelo Castelo explica que este curso práctico de comunicación está deseñado para incrementar a credibilidade profesional do tecnólogo, aprendendo a sintonizar nas súas exposicións cos intereses do cliente interno e externo “sen perder a esencia profesional como técnico”, así como aumentar a capacidade para atraer e manter a atención, multiplicar a colaboración nos proxectos e conseguir máis influencia dentro e fóra da súa organización. “Axudarei a aumentar a credibilidade dos asistentes para que aprendan a sintonizar cos intereses dos seus interlocutores e para que se expresen con convicción, defendendo con eficacia os seus proxectos, produtos e servizos, ademais de coñecer como sacar o seu lado máis sedutor, aumentar a autoestima para afrontar diversas conxunturas, incrementar a súa seguridade persoal, lograr recoñecemento profesional, controlar as súas emocións ou fortalecer a súa capacidade de comunicación e liderado” –describe–. O último día do curso, cada alumno expoñerá un caso práctico. Todos os asistentes serán gravados durante o taller e recibirán unha valoración personalizada da súa exposición, destacando as súas fortalezas e áreas de mellora.
En tres xornadas impartirase este taller práctico, vivencial e participativo, que está dividido en catro fases: entender o medo escénico; pecados capitais a evitar; monta a túa propia historia; e a posta en práctica dos coñecementos. Está dirixido a directores técnicos das áreas de informática, comunicacións, seguridade ou I+D+i dunha compañía; directores científicos de mandos intermedios e departamentos especializados; responsables, coordinadores, consultores e asesores de departamentos técnicos; e administradores e programadores que teñan relación con clientes internos e externos.

PUBLICIDADE