Marcelino Maneiro escolma unha ducia de vídeos sobre química no novo especial do portal Proxector

martes, 6 de febreiro do 2024 S. P.

Escolma para ver e escoitar química é o título do novo especial do portal Proxector (Proxector de Autor). Nesta nova entrega de contidos audiovisuais, Marcelino Maneiro Maneiro, profesor de Química Inorgánica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), escolma doce recursos divulgativos sobre a presenza e implicacións que ten a química nos procesos que rodean a vida cotiá das persoas. Proxector é unha iniciativa web que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa USC.
Na súa selección de vídeos, inclúese unha peza sobre a traxectoria vital e as investigacións realizadas por Ignacio Ribas Marqués. O científico, a través das súas pescudas, obtivo produtos naturais a partir de especies vexetais autóctonas, polo que foi considerado o impulsor da química orgánica en Galicia. Xunto con Ribas Marqués, o especial presta tamén atención á figura de Marie Curie e ao seu descubrimento do radio en 1898, un logro que compartiu co seu marido, Pierre Curie.
A importancia das reaccións químicas controladas que se producen nos corpos dos seres humanos, animais e vexetais é outro dos eixes temáticos que se abordan neste novo especial de Proxector de Autor. Así, en Cinco reaccións bioquímicas que te manteñen con vida, Carmela Cela afonda en como funciona a respiración celular, a fotosíntese, a transmisión dos impulsos nerviosos, a contracción muscular ou o metabolismo.
Pola súa banda, en O saturnismo, as alumnas do IES Plurilingüe Adormideiras (A Coruña) Irene e Raquel González Calvo achéganse a esta enfermidade causada polo chumbo, que provoca afeccións no sistema nervioso e danos neurolóxicos irreversíbeis.
Ao contrario do que sucede con este elemento químico, o ouro ten propiedades terapéuticas que fan que o metal sexa empregado no ámbito farmacolóxico para tratar determinadas doenzas. En O ouro… só nas xoias?, Lara Rouco Méndez, doutoranda na Facultade de Ciencias da USC, realiza un percorrido histórico polos usos do ouro con estes propósitos. Detense, especialmente, no ano 1972, momento en que se descubre a auranofina, un complexo de ouro que funciona como antiartrítico e que se revelou tamén de utilidade para o tratamento doutras enfermidades, como o SIDA, o cancro ou a COVID-19.
“A experimentalidade constitúe a cerna da química”, subliña Marcelino Maneiro no especial, pois nesta disciplina “o coñecemento constrúese a partir do traballo no laboratorio”. Por este motivo, na súa escolma incorporou dúas pezas audiovisuais nas que se explican a técnica de destilación por arrastre de vapor e o procedemento de extracción de cafeína a partir de grans enteiros de café. Así mesmo, incluíu varios recursos audiovisuais para pór de manifesto como algúns procesos químicos poden resultar de utilidade na produción de fontes de enerxía sustentábeis e respectuosas co medio. En concreto, abórdase como se pode obter hidróxeno a partir da fotosíntese artificial, que busca imitar o proceso natural das plantas, e da electrólise da auga ou como é posíbel crear combustíbeis a partir do dióxido de carbono que hai na atmosfera e do uso do ácido fórmico para almacenar a enerxía.
Completan a nova entrega deste Proxector de autor a peza Que che ensinou a química?, arredor das múltiples áreas de coñecemento que abrangue esta ciencia, e outro recurso audiovisual no que se define que é a isomería espacial e os dous tipos de isomerías que existen.
Un portal referente na divulgación científica
Proxector é un espazo web dedicado a compilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais de apoio á docencia en lingua galega no ensino medio, bacharelato e ensino universitario. Na actualidade, conta con preto de 1.500 materiais publicados dunha trintena de áreas temáticas diferentes.
A iniciativa orixinal foi deseñada polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregábeis, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.

PUBLICIDADE