Marca.com premia aos seareiros que rapen a cabeza se España gaña a Eurocopa

mércores, 25 de xuño do 2008 Raquel Noya

Xa son máis de 10.500 os seareiros que se comprometeron, ata o de agora, co xornal dixital Marca.com, a rapar a cabeza ó cero no caso de que a selección nacional gañe a Eurocopa de fútbol 2008. O contrato da iniciativa proposta polo diario no seu sitio web reza o seguinte: “Eu, afeccionado impenitente de toda a vida, pola presente comprométome solemnemente ante Marca.com, a Afección e a Selección a raparme ata o último pelo da miña cabeza se a nosa Selección gaña a Eurocopa 2008”.
A proposta vai acompañada da foto de varios afeccionados que “locen” a súa cabeza ao estilo Kojak (estonada coma unha pataca nova) vestindo a camiseta vermella da selección ao tempo que lanzan mensaxes tales como: “a por eles”, “podemos” ou “este ano si”.
Para participar na devandita promoción, os usuarios de Marca.com deberán introducir o seu usuario e contrasinal de rexistro (que se obtén cumprimentando os datos persoais de cada un) na web oficial do concurso e realizar os seus prognósticos no site.
Por suposto, unha iniciativa así non podería triunfar desa maneira se non houbese de por medio algún tipo de premio, pois o fútbol move masas pero o pelo é un ben prezado que a moitos lles costa suor e bágoas non perdelo.
Xa que logo, as bases do concurso establecen que os gañadores das 10 vídeo cámaras Aiptek Pocket DV 5900 e das 10 cámaras dixitais Ben Q DC 300 que se obsequian, estableceranse a través de sorteo entre tódolos participantes da promoción.
O que as bases non din (e revisámolas de cabo a rabo) é se os participantes se deben rapar ante notario nin se se debe facer constar dalgún xeito que (a lo menos os gañadores) pelaron a cabeza tal monda de mandarina, o que nos fai prever que a gran maioría (excluíndo aos fanáticos de verdade) incumprirán de cheo o asinado no contrato.

PUBLICIDADE