Mar Pereira cesa como directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

venres, 2 de setembro do 2022 S. P.

A Xunta confirmou este xoves 1 de setembro o cese por petición propia de Mar Pereira como directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) logo de dez anos de intenso traballo e dedicación a prol do impulso dixital da nosa terra a todos os niveis. Será substituída no cargo por Julián Cerviño Iglesia. Segundo informou o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “o traballo de Pereira contribuíu moitísimo ao desenvolvemento tecnolóxico das administracións da Xunta”. Licenciada en Física pola Universidade de Santiago, cun mestrado en Economía e Xestión da Saúde, Pereira levaba no cargo dende a constitución da axencia en 2021, e previamente fora secretaria xeral de Modernización.
Durante este tempo Mar Pereira estivo ao mando das políticas de dixitalización da Comunidade (con iniciativas tan destacadas como 2014.gal ou a Axenda Dixital de Galicia 2020), que, segundo destacou o Consello da Xunta deste xoves 1 de setembro, “fixeron posíbel avanzar na dixitalización dos servizos públicos, na transformación dixital do tecido empresarial, na mellora da conectividade e a inclusión dixital da sociedade”. Este proceso transformador prosegue coa posta en marcha da Estratexia Galicia Dixital 2030 e da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, que conteñen as bases para o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia na vindeira década. Mar Pereira formaba parte do Goberno galego desde 2009, cando foi nomeada secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
Julián Cerviño, pola súa banda, é licenciado en Ciencias Físicas pola Universidade de Santiago de Compostela e está especializado en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Formou parte destacada do equipo encargado de poñer en marcha a receita electrónica no SERGAS.

PUBLICIDADE