Maquiclick.com: nova rede social para afianzar a industria estatal no mundo

mércores, 25 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

De Barcelona chéganos esta semana a nova dunha nova rede social en marcha, destinada a impulsar as vendas das empresas estatais no mercado mundial. Estamos a falar de Maquiclick.com, un portal posto en marcha para arranxar unha perda ben concreta: a caída do 4,3% de facturación do sector industrial español ao longo do último ano. A maiores, recordan os responsábeis desta rede, cómpre ter en conta que en España hai arestora 221.000 firmas industriais que ven como cada ano o ritmo de medre retrocede nun 3,8%. O portal Maquiclick.com, engaden, xorde para frear este proceso.
A web, que conta co apio da patronal PIMEC e o patrocinio da multinacional Festo, preséntase cunha aposta tripla: facilitar a internacionalización das vendas no exterior, achegar as novas tecnoloxías aos fabricantes de maquinaria e axilizar a obtención de datos útiles. Entre as súas ferramentas, o portal acubilla un cadro de Últimas peticións no que figuran demandas de empresas de países como EEUU, México ou Arxentina, que precisan mercar maquinaria industrial española. A rede tamén permite intercambiar opinións e información, acceder a directorios ou facer comentarios das empresas. “A clave do portal”, sinalan os autores do mesmo, “é fomentar as relacións entre firmas e máis a súa capacidade para cruzar a oferta e a demanda, axudando a clientes de todo o mundo a que entren en contacto con fabricantes e provedores”.

PUBLICIDADE