Mapean con drons e IA o crecemento da cría do mexillón cun 95% de efectividade

mércores, 18 de outubro do 2023 S. P.

Vilanova de Arousa acolleu este mércores 18 de outubro a presentación dunha nova ferramenta tecnolóxica para obter información permanentemente actualizada sobre o crecemento e evolución da presenza da semente de mexillón no litoral galego. Trátase dunha aplicación que amosará datos obtidos mediante sensores de alta resolución embarcados en vehículos non tripulados e intelixencia artificial que permitirá determinar a cantidade de mexilla (cría do mexillón) e optimizar a súa recollida.
A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, participou nesta xornada de demostración que tivo lugar no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Vilanova de Arousa, na que se avanzaron os resultados deste proxecto. Asistiron tamén representantes do Instituto Tecnolóxico do Mar (INTECMAR), do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) e da Consellería do Mar, así como do sector mexilloeiro.
A solución desenvolvida, explicaron, “proporciona un conxunto de ferramentas que cobren as fases de captura, catalogación, análise e explotación de datos relativos á evolución da semente de mexillón”. A través de vehículos non tripulados e Intelixencia Artificial captúranse e analízanse os datos, identificando a presenza de mexilla e, potencialmente, de percebe, así como doutras especies presentes no ecosistema, mediante un proceso de segmentación e zonificación da información recollida.
Esta tecnoloxía permite deseñar e planificar as operacións de captura de datos sobre o terreo mediante vehículos aéreos non tripulados (UAV), almacenar e clasificar a información obtida nunha base de datos xeoespacial, presentar a información recollida asociada ás características morfolóxicas do terreo, á orientación e pendente do litoral; dispoñer de información sobre as zonas onde se dá unha presenza sensible e predominante de mexilla, coñecer a evolución do recrutamento de semente de mexillón nun intervalo de tempo determinado; e facilitar a consulta e análise de información mediante ferramentas avanzadas de explotación de datos.
O proxecto, adxudicado por un importe de 500.000 euros, está a ser desenvolvido pola compañía Telespazio Ibérica, nun consorcio no que tamén participan as empresas galegas Aeromedia e Bahía Software, o centro tecnolóxico Gradiant e o Instituto de Investigacións Mariñas IIM-CSIC, con sede en Vigo. O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e o Centro Tecnolóxico do Mar foron as entidades que identificaron este reto ao que dar resposta con tecnoloxías de sistemas non tripulados e tamén as futuras entidades usuarias da solución desenvolvida.
É un dos cinco proxectos adxudicados pola Axencia Galega de Innovación este ano, con financiamento de Fondos Feder REACT-EU como parte da resposta da Unión Europea á pandemia por COVID-19, para impulsar a compra de solucións innovadoras próximas ao mercado que poidan incorporarse a curto prazo á carteira de servizos públicos.

PUBLICIDADE