Mapas antigos da nosa terra abertos a comentarios: o Flickr tamén valía para isto

xoves, 3 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

Para quen guste dos mapas e, para máis inri dos galegos, Calidonia ten estes días unha proposta en liña entre mans que lles vai entrar ben polo ollo. Ou sexa: que é ideal para todos os que andamos a fozar na Rede e, previamente, nos mapas (e que de nenos soñabamos esculcando neles con sitios certamente máis interesantes para vivir cós que se nos impuñan, descubrindo logo que nas vilas e cidades onde púñamos o dedo había rapaces e rapazas que tamén soñaban coa nosa vila). Enleadas aparte, a proposta de Calidonia consiste de partida en facer emprego do Flickr para algo máis que para saturar á comunidade internauta e ós servidores coas imaxes da túa excursión a Marina D´Or.
Desta volta, e como dixemos antes, vale tamén para dar conta de bos e interesantes exemplos da cartografía antiga da nosa terra, mapas que xogan un papel fundamental para os seareiros, tanto dende o punto de vista xeográfico, histórico ou toponímico, como dende o puramente estético.
Podemos ver o froito da compilación no Flickr, onde o responsable do traballo anima ós internautas afeccionados ó emprego dos mapas a facer todo tipo de comentarios sobre detalles como os nomes de lugar que non están claros ou as identificacións de aldeas ou vilas que non coinciden co que hoxe existe no mesmo emprazamento.

PUBLICIDADE