Manuel Varela Rey toma posesión como novo director da Axencia Galega de Innovación

luns, 14 de xaneiro do 2013 Redacción

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, presidiu hoxe a toma de posesión de Manuel Antonio Varela Rey como novo director da Axencia Galega de Innovación (GAIN). No acto Conde sinalou a innovación como unha das claves da recuperación económica, e destacou como principal meta do novo mandato “mellorar a competitividade do tecido empresarial e industrial galego por medio da posta en marcha de estratexias innovadoras”.
Para iso, entre as tarefas que terá que levar a cabo Varela Rey, a quen corresponde agora a posta en valor da GAIN, están o desenvolvemento da Estratexia Estatal de Innovación para Galicia, e2i, que suporá unha achega de 35 millóns de euros; ou a activación da segunda convocatoria do programa Innterconecta, cun orzamento de 75 millóns e que permitirá acadar ao cen por cen o aproveitamento do Fondo Tecnolóxico.
Manuel Varela Rey é enxeñeiro industrial mecánico, e ademais da súa experiencia na Administración pública, conta cunha ampla traxectoria na empresa privada, onde desempeñou tamén postos relacionados coa I+D+i.

PUBLICIDADE