Mantense baixa a porcentaxe de mulleres no noso hipersector TIC

luns, 2 de febreiro do 2015 Redacción

Fica pendente moito por facer para rematar coa fenda de xénero no sector TIC galego, segundo amosou a axencia AMTEGA os días pasados a través da presentación do estudo temático As mulleres e as TIC, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA). De feito, a investigación conclúe que a porcentaxe de mulleres traballadoras no hipersector TIC, que integra o sectores tecnolóxico e de contidos, é do 38,6%, un valor semellante ao dos últimos tres anos. No sector contidos, pola contra, é onde se rexistra a menor fenda de xénero, cunha porcentaxe de traballadoras do 41,4%.
Estes datos, sinala a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, sitúanse lonxe das cifras xerais do mercado laboral galego, “no que a porcentaxe de mulleres en alta laboral na Seguridade Social sitúase no 47,2%”. O estudo de OSIMGA tamén achega claves a xeito de resposta dos porqués da devandita fenda de xénero que se perpetúa. Segundo a investigación, unha das principais causas desta baixa representación feminina no eido tecnolóxico, tanto a nivel europeo como galego, reside na escasa predisposición da muller a escoller estudos no ámbito TIC.
A investigación tamén sinala que “mentres que o 33,4% dos traballadores do sector TIC son homes que contan con formación TIC de grao medio ou superior, só o 11,7% dos traballadores son mulleres que dispoñen da mesma formación académica”. Estas porcentaxes son un reflexo da aínda escasa presenza das mulleres en carreiras tecnolóxicas, o que constitúe unha das barreiras para a plena incorporación das mulleres ás empresas TIC, engaden fontes do observatorio galego, que tamén salientan “a significativa fenda existente nos traballadores do sector TIC con ciclos formativos superiores TIC”. Máis en detalle trátase dunha porcentaxe dun 21% de homes fronte a unha porcentaxe do 3,7% de mulleres.
O estudo tamén indica que o 16,4% das mulleres que traballan no sector desenvolve funcións TIC, fronte ao 64,5% dos homes. No caso do persoal non dedicado a tarefas TIC, a porcentaxe de mulleres (6,6%) é só 1,9 puntos inferior á dos homes (8,5%). O persoal que traballa nos departamentos de I+D+i das empresas é claramente masculino, cunha representación do 82,9%, fronte un 17,1% de mulleres.

PUBLICIDADE