Manolo Gago enumera no CMG as razóns polas que cómpre estar en Rede

luns, 14 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Hai fillos que se parecen aos pais durante toda a vida e outros, pola contra, acaban por asemellarse á xente coa que andan. Pois ben: isto último é perfectamente aplicable xa ás novas tecnoloxías da información, e máis polo miúdo á Internet. Para Manolo Gago, compañeiro de Código Cero, blogueiro e experto en comunicación dixital, á Internet se lle está a quedar faciana de persoa. Concretamente, e ten certo sentido que así sexa, de internauta: “Parécese cada vez máis a nós, e é xa, calquera o pode ver a día de hoxe, un pouco coma a nosa vida normal”. Deste xeito, sinalando todos eses puntos que axudan a entendérmonos mellor coa Sociedade da Información, foi como se desenvolveu hoxe en Santiago a presentación do titorial Internet na túa vida, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Medios encamiñada a amosarnos dun xeito ameno e próximo as vantaxes que a Rede nos achega.
Como dixemos, o acto contou coa presenza desdobrada de Manolo Gago, quen expuxo a súa visión da Rede en diferentes puntos da nosa xeografía e coa vantaxe de presentalo todo de xeito simultáneo: persoalmente en Santiago, dende o CMG (Centro Multimedia de Galicia) e a través de videoconferencia noutros enclaves da Rede de Telecentros de Comunicación: Tui, Abegondo, Betanzos, Monterroso, Sarria, Xinzo de Lima, Verín e A Cañiza.
Polo que atinxe ao titorial, dicir que forma parte dun proxecto máis amplo, formativo e multimedia, posto en marcha pola Secretaría Xeral: o proxecto Comunícate. A proposta dada a coñecer hoxe comparte unha boa parte das características dos restantes titoriais de Comunícate: é interactiva, diríxese a facer o máis doado posible o achegamento á Rede, está desenvolvida coa ferramenta Flash e non precisa (nin na forma nin no fondo) de grandes coñecementos técnicos e tecnolóxicos para que se transmita a súa mensaxe. E esta non é outra que a seguinte: a Rede axuda.
Neste senso, a idea dos responsables foi escolmar material de utilidade que servise (por ser concreto e útil) de porta de entrada á Internet e axudase á súa normalización: acceso á banca electrónica, administración electrónica, formación a distancia, redes sociais, etc. Transmitir esta achega múltiple de utilidade foi tamén a idea de Manolo Gago, quen fixo un repaso por algunha das ferramentas web que máis están a enriquecer a contribución mutua (por excelencia) do noso tempo: unha Rede nutríndose de todo o que lle damos (nomes, imaxes, sons, vídeos, opinións, coñecemento) e unha sociedade en liña mellor comunicada e informada grazas ao que lle reporta a Rede.
E a cousa, sinalou, está moi lonxe de estancarse, sobre todo agora que a xente, amais de comunicación e información, tamén busca lecer na Internet. Este fenómeno apercíbese, sinalou, no que se lle quita a outras canles: “Canta máis Rede se consume, máis cae o número de xornais que se vende e máis descende o número de horas que lle dedicamos á televisión”. O fenómeno en cuestión, engadiu, tivo o seu xermolo en 2001, cando logo dunha serie de fracasos empresarios postos en marcha na Rede constatouse a necesidade de pensar un pouco máis nos usuarios. Deste feito, naceu a Web 2.0. E desta maneira foi como a Rede, por ser os usuarios en boa medida responsables de alimentala e construíla, acabou por asemellarse a todas e todos nós.
O noso compañeiro Gago tamén fixo un repaso por algunhas páxinas de utilidade que son como portas de entrada á Internet porque dado o seu carácter práctico explícanse a si mesmas no proceso. Un exemplo disto é Google Maps, que ao seu xuízo foi un dos grandes inventos de Google e que foi quen de trasladarlles aos internautas cousas que até ese intre estaban só ao alcance duns poucos. “Google mudou ese concepto mercando e adquirindo imaxes aéreas de calidade para poñelas a disposición da comunidade e achegándolle o que case é o máis importante do asunto: a posibilidade de crear capas de información”. Estes vínculos entre a información coas cousas que vemos crea polo tanto unha visión do mundo ben distinta: “Onde antes eran a Rede e os seus responsables directos os que nos contaban as cousas, logo fomos nós os que as contamos. Así foi como Google aprendeu e aprende do que nós lle imos dicindo ”. O resultado, sinala, é o maior catálogo en liña de fotos de Galicia e do resto do mundo, e todo isto co engadido de ter sido feito por usuarias e usuarios, e non por técnicos nin por investigadores nin por empresarios.
Asemade, e para botar un pouco máis de luz sobre as posibilidades de uso da Rede na nosa vida diaria, fixo mención dun recurso web dirixido a canalizar algo tan propio das persoas como a necesidade de desprazármonos. Falamos de Tripadvisor, a xuízo de Manolo Gago unha das webs máis salientables do mundo en materia de viaxes e que entre outras cousas achega claves para evitar que cando nos traslademos a un país ou unha rexión escollamos o aloxamento, o lugar para comer e o destino menos indicados. A páxina en cuestión é en realidade unha comunidade de viaxeiros que achegan de xeito continuo as súas valoracións sobre cales son os mellores sitios do mundo para durmir ou para comer. Tendo en conta isto, ficamos o máis preto posible dunha idea real, máis ou menos obxectiva. “E isto non o fai a Rede, fano os internautas”.
A pegada deste tipo de páxinas é xa tan fonda, puntualizou, que cada vez son máis os establecementos hostaleiros (e os da nosa terra non están a quedar aparte) que deciden prescindir de figurar publicitariamente nas páxinas comerciais especializadas para optar mellor polo posicionamento en espazos como TripAdvisor.
Outros recursos analizados por Manolo Gago durante a presentación do titorial foron a web 11870.com (un sitio para viaxeiros que nos informa do que máis lles interesa ou lles gusta) ou o servizo Sixpac (sistema de información xeográfica que achega visións pormenorizadas da nosa terra a vista de paxaro, polo que resulta moi útil como porta de entrada á Rede, e máis se temos en conta que unha boa parte dos galegos e galegas teñen propiedades rurais que desexarían poder ver desta maneira).

PUBLICIDADE