Mancomún salienta o papel da nosa comunidade de software libre na adaptación ao galego do Firefox 3.5

xoves, 2 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Mancomún, vén de manifestar a súa satisfacción polo papel despregado pola comunidade galega de deseñadores e usuarios de software libre (comunidade que coordina o dito Centro) na posta ao día da tradución á nosa lingua de todos os aplicativos máis populares da suite Mozilla, que, por certo, están dispoñibles para a súa descarga oficial co seu respectivo lanzamento. Entre as ferramentas e programas, prosegue Mancomún, amais do navegador Firefox 3.5 (éxito de descargas dende o intre mesmo en que se poñía a libre disposición da comunidade internauta, o martes 30 de xuño), o xestor de correo electrónico, Thunderbird; o administrador de axenda Sunbird e o contorno que os integra a todos nunha única interface, o Seamonkey. Por certo que para o Centro galego tamén ten especial importancia o feito de que se teña integrado para esta ocasión a tradución do aplicativo para o seu emprego en dispositivos móbiles, Fennec.
Para rematar, e facendo especial referencia aos atrancos postos hai un ano polo propio presidente da Fundación Mozilla (que chegou a dubidar en público da capacidade dos programadores libres galegos á hora de realizar a tradución do Firefox), Mancomún aproveita a oportunidade para salientar o bo facer do equipo que coordina no traballo de adaptación á nosa lingua desta nova achega do navegador e o seu contorno. Neste senso, engade o Centro, nos óptimos resultados dos traballos despregados tivo a súa ración de responsabilidade o feito de que se tratase dunha colaboración aberta, de aí que o proceso de esforzo colectivo siga aberto na páxina de tradución do web.
Sinalar que os aplicativos de Mozilla en galego están a ser empregados arestora por multitude de persoas, tanto no eido persoal coma no empresarial e na Administración pública.

PUBLICIDADE