Mancomún organiza para a vindeira fin de semana un evento sobre a tradución de software libre

xoves, 8 de maio do 2008 Marcus Fernández

O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia organiza os días 10 e 11 de maio en Santiago de Compostela o evento G11n: eu traduzo o teu software, xornadas que reunirán as membros máis activos da comunidade tradutora de software libre ao galego co fin de analizar as estratexias e as ferramentas empregadas.
O encontro coincide coa celebración do 2º Aniversario de Mancomún e dividirase en dúas xornadas: unha aberta ao público e outra orientada ao traballo interno da comunidade.
A xornada de portas abertas do primeiro día do evento iniciarase cun relatorio sobre terminoloxía impartido por Xusto A. Rodríguez Río, responsable da Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, ao que seguirá unha presentación por parte de Helena Veiguela, directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.
Veiguela tamén moderará unha mesa redonda na que se exporán distintas perspectivas no eido da localización galega de software, rematando o día con dous relatorios (por parte de Albert Astals Cid, coordinador de KDE 4.0, e Juan Rafael Fernández, experto en tradución de software).

PUBLICIDADE