Mancomun.org convoca a axuda dos internautas galegos para traducir o Firefox 2.0 á nosa lingua

xoves, 2 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

A plataforma mancomun.org, integrada e mantida por desenvolvedores e usuarios galegos de software libre e máis pola Consellería de Innovación, vén de convocar a axuda de internautas e informáticos para traducir o navegador Firefox 2.0 á nosa lingua, traballo que, como case todos os relacionados co código aberto, está a desenvolverse de xeito conxunto e desinteresado.
Neste intre, di a plataforma, veñen de ser pendurados os ficheiros PO precisos para a tradución na ferramenta Entrans, polo que –dende xa– os rexistrados nesta aplicación poden ir pasando ó galego os textos dos programas.
Cómpre lembrar que este foi o método de traballo empregado tamén para traducir a versión 2.0.4 do paquete ofimático OpenOffice, e conseguiuse todo nunha única xornada. A data de xoves 2 de novembro, a porcentaxe de tarefa completada é xa dun 67,2%, grazas sobre todo ó traballo feito previamente por Jacobo Tarrío para a versión 1.5x. Para rematar, facer fincapé na necesidade de seguir de preto a guía de estilo de mancomun.org, co fin de que as diferentes achegas de traballo teñan coherencia.

PUBLICIDADE