Mancomún métese nas redes sociais

luns, 7 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

O portal Mancomún, pertencente ao centro galego de promoción do software libre do mesmo nome, semella estar collendo novos folgos. E faino logo de moitos meses de inquietude sobre o futuro do centro, amosada en repetidas ocasións pola comunidade de usuarios e deseñadores de programación aberta, e mesmo por plataformas en liña como a CiberIrmandade da Fala. Esta nova etapa de Mancomún, se ben non resolve tódalas incógnitas ao respecto, abre certos vieiros para pensar nun novo pulo. E máis se temos en conta que se reactiva como fonte de novas sobre código aberto e que comezou o mes achegando novos servizos, como o espazo wiki de Mancomún, o laboratorio e a sección propia do usuario (o meu portal). Pois ben, hai máis. Tal e como nos contan dende o centro, este vén de abrir novos veiros de comunicación nas redes sociais.
Máis polo miúdo, nas contornas dos servizos Facebook, Twitter, NetVibes, Issuu e máis Flickr. Esta incursión nas redes participativas forma parte dunha integración da web de Mancomún no UniversoImit, “é dicir nas canles 2.0 dependentes da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica”, informa o centro de software libre.
A incorporación do portal no dito UniversoImit permitirá “aumentar e mellorar a presenza na Rede das iniciativas relacionadas co software libre e de fontes abertas, uníndose nas mesmas canles sociais a información do Observatorio OSIMGA ou da rede CeMIT, que é o tecido de aulas dixitais que cingue a Rede de Telecentros e a Rede de Centros de Dinamización nunha única iniciativa”, infórmase dende o centro galego.

PUBLICIDADE