Mancomún e o empresariado TIC reúnense este xoves para ampliar a achega galega de software libre

mércores, 12 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia, Mancomún está a convidar aos profesionais galegos das novas tecnoloxías a ter participación activa en todo o elo da cadea de produción de software libre para a noso empresariado, a engadir ao que xa existe escolmado no DVD Ferramentas Informáticas para a PEME galega. Con este fin, Mancomún vén de programar unha serie de encontros específicos, como por exemplo o que se celebra mañá en Santiago no Hotel Porta do Camiño, a partir das 16 horas. O acto, que contará coa presenza da directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, incluirá demostracións e sesións de traballo con representantes do tecido produtivo TIC da nosa terra.
Como anunciou hai unhas semanas Mancomún, o obxectivo da xornada de traballo é acadar que Ferramentas Informáticas para a PEME sexa unha ferramenta máis útil e eficaz para a implantación de software libre no eido empresarial. Con esta finalidade, sinala Mancomún, quere contarse coa información de primeira man, que poden achegar os implantadores de SwL galegos, sobre se as aplicacións actuais do DVD responden plenamente ás necesidades da PEME galega así como recoller as súas propostas sobre aplicacións candidatas a seren desbotadas ou cales deberían incluírse.

PUBLICIDADE