Mancomún dará conta das súas experiencias no Congreso Nacional Internet na Aula

xoves, 19 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Os 9.000 asistentes que confirmaron xa a súa presenza no Congreso Nacional Internet na Aula terán información de primeira man sobre a experiencia de Manconúm, a plataforma galega de difusión e de desenvolvemento de software libre. Así o vén de confirmar a propia entidade no seu sitio web, ao tempo que dá conta dos seus obxectivos concretos no dito encontro: expoñer, da man do Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en fontes abertas (CENATIC) os proxectos e as ferramentas desenvolvidas no eido da Administración pública galega como unha alternativa óptima para o emprego das TIC nas aulas. O auditorio presente no Congreso, que ten lugar de xeito simultáneo en Barcelona, Granada, Madrid e Santander, non pode ser máis axeitado: practicamente todos os asistentes á xuntanza teñen relación directa coa docencia.
Segundo informa Mancomun.org, das catro ditas sedes do encontro (a celebrar entre o 26 e o 28 de xuño), Santander será a sede asignada para o profesorado galego. Porén a plataforma tecnolóxica da nosa terra estará presente en cada unha delas compartindo espazo e experiencias con outros proxectos de difusión do código aberto do Estado. Sinalar que o Congreso Nacional Internet na Aula ten feitura de foro participativo, igual que o groso dos servizos web que abrollan a día de hoxe e ó abeiro da Internet 2.0. Neste foro favorecerase, polo tanto, o intercambio de experiencias e inquietudes, amais da resolución das máis que posibles dúbidas que poidan estar xurdindo arredor da ensinanza e a Sociedade da Información.

PUBLICIDADE