Mañá comezan en Compostela as xornadas sobre eAdministración do CPEIG

luns, 7 de maio do 2012 Raquel Noya

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai celebrar mañá unhas xornadas sobre administración electrónica na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, que se prolongarán os días 9 e 10 de maio para tratar de analizar a situación actual da eAdministración e adiantar as claves do seu futuro ao abeiro dos progresos acaecidos na contorna dixital.
Para organizar as xornadas Administración electrónica, Sede, Goberno e Contratación, que por certo completaron en seguida as cen prazas dispoñibles, o CPEIG contou coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e do centro de Estudos Cooperativos da USC, así como da propia Facultade, situada no campus norte compostelán.
A sesión de mañá martes dará comezo ás 10:00 horas, coa inauguración oficial do evento da man do reitor da USC, Juan Casares; da directora da Axencia para a Modernización de Galicia (Amtega), Mar Pereira; da decana da Facultade, Emilia Vázquez Rozas e do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, reelexido a finais de 2011 para encabezar de novo a Xunta Directiva da entidade.
A partir das 10:30, o catedrático de dereito, Miguel Davara, ofrecerá un relatorio sobre o futuro da Administración dende o punto de vista da evolución dixital, centrando a súa intervención na xestión da sede electrónica.
Carlos Forján Gómez, da Axencia para a Modernización de Galicia (Amtega) e José López Calvo, da Axencia Española de Protección de Datos, serán os encargados de pechar a xornada con sendas intervencións sobre O servizo aos cidadáns a través da sede electrónica e, Administración electrónica: algunhas implicacións desde Protección de datos, respectivamente.
Nos vindeiros días intervirán tamén, no marco das mesmas xornadas, Carlos Guadián Orta, de Autoritas Consulting, e Juan Alberto Ramos Cano, responsable de Contidos Dixitais de Telefónica. Como expertos galegos foron convidados María José García Sexto, da Amtega; o avogado Víctor Salgado; o profesor de Dereito Mercantil Rafael Millán Calenti; Martín Gómez, xerente de Bahía Software, e Benito Carballo, xerente de Proxectos de Altia.

PUBLICIDADE