Este mércores celébrase en Lugo un seminario sobre comunicación online para a industria do libro

martes, 31 de maio do 2011 Raquel Noya

As persoas que están detrás do Clúster Libro (da edición, librarías e comercialización en Galicia), están a darlle as últimas pinceladas ao Seminario sobre comunicación online para a industria da edición, publicacións periódicas e do libro, que preparan dende hai un tempo e que vai ter lugar mañá, na Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Lugo, ás 19:00 horas, para que acudan tódalas persoas relacionadas con este sector en Galicia.
O programa inclúe a intervención de Ruth Ríos, consultora de mercadotecnica e comunicación de Verbung, que abrirá o seminario cun relatorio sobre sinerxías entre o offline e o online. Na súa intervención, Ríos tamén exporá as vantaxes dos blogs como ferramenta de comunicación online e ofrecerá información sobre que facer ante unha crise de comunicación: a reputación online.
Na segunda parte da xornada, que terá lugar a partir das 19:40 horas, intervirá o experto en Social Media e sector editorial, Alberto Seoane, cun relatorio sobre Usos específicos de Social Media na Industria do Libro.
Na súa intervención, Seoane descubriralle a web 2.0 ás persoas asistentes, e achegaralle as claves do uso das redes sociais de maneira profesional como ferramenta útil para xestionar a reputación das empresas.
Ao remate deste relatorio, haberá unha quenda de preguntas para que as persoas interesadas resolvan as súas dúbidas en torno á comunicación online e á interactividade na Rede, entre outros temas.

PUBLICIDADE