Malos agoiros para as redes sociais: cada vez darán acubillo a máis ciberdelincuentes

xoves, 14 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

A Rede vai medrando. Cada día aseméllase máis á nosa vida social, polo que era de agardar que aumentase o número de elementos positivos e negativos que concorren nela. A cousa cae de caixón: a máis internautas, máis mangantes. Así de sinxelo e sen arela de negativizar o acadado até o de agora pola Sociedade do Coñecemento. Segundo conta Cisco no seu Informe Anual sobre Seguridade, a ciberdelincuencia (que non é outra cousa que a delincuencia de toda a vida substituíndo o butrón por programas) está a avanzar moito nas redes sociais, que son os espazos dixitais que desenvolven na Rede o papel que até o de agora tiñan os grandes emprazamentos do encontro social. Pois ben, estas redes están en clara situación de medre e dado que son como grandes mercadiños onde se dispara a cifra de carteiras dispoñibles, atraen todo tipo de seareiros do alleo. Ao seu favor, informa Cisco, estes teñen un notorio clima de confianza no que flúe libremente a comunicación. Porén, engade, con ela tamén poden fluír virus informáticos ou programas malware.
No informe da empresa ofrécese unha completa escolma dos máis salientables ataques informáticos de 2009 e dos logros á hora de poñerlles freo:
· Zeus. Este troiano estendeu malware mediante a técnica da suplantación da identidade con obxectivos específicos e descargas ocultas. Primeiro obtén os nomes do usuario e o seu contrasinal e logo rouba credenciais bancarios en liña. En 2009, Zeus infectou a case catro millóns de computadores en todo o mundo, informa Cisco.
· O verme Conficker. Este verme, programado para sementar o caos a partir do 1 de abril de 2009, foi anulado polo Conficker Working Group, un colectivo integrado por internautas e fabricantes de seguridade informática que conseguiu frear o impacto do dito virus.
· Koobface. Trátase da innovación delincuente máis salientable, en palabras de Cisco. Este verme ten a capacidade de autorexenerarse. Xurdiu por vez primeira ao abeiro da rede social Facebook en 2008 e un ano máis tarde propagouse a Twitter, outra canle de semellantes características. Koobface funcionaba deste xeito: primeiro alentando aos internautas para premer nunha ligazón que supostamente comunicaba cun vídeo en liña do YouTube e logo dando saída a súa actividade propiamente malware. Por certo que foi quen de infectar a máis de tres millóns de computadores coas súas diversas facianas.

PUBLICIDADE