Makers Ferrolterra estreou espazo de seu no CIS Tecnoloxía e Deseño, cedido por GAIN

martes, 1 de marzo do 2022 S. P.

A agrupación Makers Ferroltera, asociación galega que envorca esforzo na difusión e posibilidades das tecnoloxías abertas, participativas e creativas, xa ten novo espazo de seu na sede de CIS Tecnoloxía e Deseño. Os días pasados recibiron na súa nova sede, cedida pola Xunta, a visita da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, quen salientou o labor social da entidade durante a crise da pandemia, achegando importantes colaboracións en materia de fabricación e distribución de material de protección.
Argerey engadido que a actividade da asociación (centrada na busca de solucións baseadas no código aberto, na fabricación tecnolóxica, a robótica, a impresión 3D e Internet) encaixa coa traxectoria do CIS Tecnoloxía e Deseño, así como na súa misión como centro de innovación de referencia para todo o tecido industrial da comarca e punto de encontro dos sectores produtivos, con presenza nel de entidades como ASIME, ACLUNAGA, CLUERGAL, o Centro de Excelencia do Naval (CESENA) de Siemens e en datas vinderias o Laboratorio de Combustibles da Universidade da Coruña. .
A directora da Axencia tamén destacou as sinerxías desta asociación coa Materioteca de Galicia, instalada no Centro de Tecnoloxía e Deseño, un espazo dedicado á exposición de materiais innovadores e cuxa principal misión é dinamizar o seu uso en proxectos de diferentes ámbitos.
Por último, Argerey inscribiu esta colaboración no labor de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do CIS a través de programas como D’tec ou Edutec Emprende —este último coordinado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade-, ao que agardan que o colectivo Makers Ferrolterra se sume.
O local da asociación no CIS Tecnoloxía e Deseño da Cabana conta cunha superficie de 88m2 no primeiro andar do edificio 3. Ademais, esta entidade tamén ten á súa disposición equipamentos como a fresadora Roland ou a impresora Witbox.

PUBLICIDADE