Máis galego na Rede, unha das prioridades da RDL para 2014

venres, 3 de xaneiro do 2014 Redacción

A Rede de Dinamización Lingüística (RDL) presentou os días pasados as súas propostas para 2014. Entre as liñas estratéxicas a seguir figura un obxectivo prioritario: incrementar a presenza do galego na Rede aproveitando a aprobación do dominio .gal, ao que segundo fixo saber a RDL inscribiranse tódalas webs da Administración galega. As propostas, que foron dadas a coñecer na Casa Museo de Rosalía de Castro, inclúen tamén iniciativas de reforzo da participación dos concellos na prestación de servizos á cidadanía, actividades de reforzo a presenza do galego nos espazos e tempos de lecer e unha campaña de valorización do galego no ámbito socioeconómico.
No marco desa programación e volvendo á cuestión da Rede, fíxose saber que traballarase desde a RDL na promoción do uso do idioma no ámbito das Tecnoloxías da Información e da Comunicación aproveitando as sinerxías derivadas da recente creación do dominio .gal e contribuíndo desde a RDL “á posta en marcha deste dominio nas entidades integrantes, unha vez que a Asociación PuntoGal abra o prazo de formalización de solicitudes”.
Lembrar que a RDL é un proxecto impulsado polo Goberno galego no ano 2010, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no que a día de hoxe participan case 160 entidades de Galicia, co obxectivo prioritario “de establecer e consolidar vías estables de colaboración, cooperación e coordinación entre as administracións local e autonómica, dando así un paso máis na promoción planificada do noso idioma”.

PUBLICIDADE