Máis dun terzo dos traballadores autónomos, fóra de liña

mércores, 28 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

As novas tecnoloxías semellan estar ó alcance da nosa man, pero non as damos collido de cheo, ben porque ninguén nos dixo que utilidades teñen, ben porque os ingresos que temos son os xustos, ben porque non hai accesos en boas condicións en moitos quilómetros á redonda ou ben por mor de todo iso á vez. Estas realidades e outras moitas que fican no tinteiro son as responsables do seguinte dato, achegado por Fundetec e o Observatorio TIC de Red.es: máis dun terzo dos traballadores autónomos españois non dispón aínda dun computador persoal.
Esta información, que foi subministrada por Fundetec no marco do primeiro Congreso Andaluz do Traballo Autónomo, complétase con outro gran dato de interese: só o 28% destes traballadores teñen web propia, e case ningunha delas ofrece servizos de valor engadido, limitándose as máis das veces a ofrecer información xeral da empresa (99,6%), un catálogo de produtos e servizos (87%) e un formulario de contacto (82,8%).
O informe, chamado Diagnóstico Tecnolóxico: O traballador Autónomo e a Sociedade da Información, tamén achega datos sobre o uso que se lle dá nestes colectivos á Internet. Así, o 98,3% da franxa de autónomos en liña fixo referencia nas enquisas á procura de información e preto do 68% emprégaa para levar a cabo xestións bancarias e para relacionarse con clientes e provedores. En menor medida, usan a Rede para realizar trámites coas administracións (25,4%), para a formación (18,8%) e para as accións de marketing (16,2%).
O informe tamén fai referencia ó que lles gustaría atopar nas novas tecnoloxías ós traballadores autónomos co fin de que acaden unha meirande aceptación entre o colectivo: deberían permitir aforrar custos (68,5%), mellorar a organización interna (64,6%), os procesos de negocio (54,9%) e a comunicación con clientes e provedores (40%,1), así como achegar novos produtos e servizos (32,9%).

PUBLICIDADE