Máis dun terzo dos españois cre que os bancos tradicionais aínda son máis seguros cós bancos en liña

martes, 30 de xuño do 2015 Redacción

Os medios bancarios en liña seducen e non seducen a partes semellantes. E, en moitos casos, este caso de “engaiolamento” e “non engaiolamento” dáse nos mesmos usuarios. Todo isto vén a conto porque un estudo recente de Kaspersky Lab e B2B Internacional sinala que arredor do 36% dos usuarios españois de Internet pensa que os bancos tradicionais resultan aínda máis seguros cós bancos en liña. Isto, porén, non lles impide facer pagos en liña (a maioría fano). Con todo, coinciden en que os recursos dixitais fallan á hora de tomar medidas básicas de seguridade. No estudo, de feito, tamén se fai saber que un 55% dos usuarios vense vulnerábeis cando fan transaccións a través das novas tecnoloxías.
Así, o 46% cre que facer operacións offline é máis seguro que pagar online. Como dixemos, esta desconfianza non impide que se dea un dato que non deixa de ser contraditorio: que o 85% dos españois enquisados usen os seus computadores ou portátiles para realizar pagos en liña.
A maiores do devandito e facendo referencia aos medios empregados, a investigación sinala que o 85% dos enquisados usan os seus computadores ou portátiles para realizar este tipo de pagos polo medio dixital, que o 56% usa as súas tabletas e que o 46% os seus dispositivos intelixentes. Por outra banda, só o 9% dos que dispoñen dunha TV intelixente utilízana para transaccións.
Para os responsábeis da investigación, un dos puntos máis salientábeis da mesma é a alta porcentaxe de persoas que ven eivas importantes de protección de datos nos servizos financeiros dixitais que teñen ao seu alcance. Segundo apuntan dende Lab Iberia, “hoxe en día é de vital importancia que os bancos invistan en tecnoloxía para garantir unha contorna bancaria segura para os seus clientes; este enfoque non só daría acougo aos que prefiren as sucursais bancarias ás dixitais e convencelos de que a banca móbil é segura, senón que tamén reducirá o risco para os clientes descoidados, que doutro xeito poderían perder datos financeiros importantes".

PUBLICIDADE