Máis de medio cento de persoas participaron no Hash Code de Google dende a ESEI de Ourense

venres, 1 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Este xoves 28 celebrouse a nivel mundial a edición 2019 do concurso de programación Hash Code, no que Google (dende 2015) fai un chamamento a resolver un gran reto de enxeñaría a través de equipos de desenvolvedores. Un dos centros galegos participantes (xunto co grupo CDG en Santiago ou Everis na Coruña) na actividade foi a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, que se achegou no certame como Hash Code Hub. Ou sexa, que se puxo a disposición das persoas que quixeran concorrer no desafío. A sala habilitada para a cita encheu todos os postos dispoñíbeis, concorrendo un total de 54 persoas divididas en 16 grupos e afrontando durante catro horas a resolución dun gran reto de programación lanzado por Google.
“A valoración que facemos é moi positiva, foi un éxito de xornada. Tivemos un cheo total e a xente víase moi contenta cando ás 10.30 h estabamos rematando de subir as resolucións dos retos”, comenta Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática. Sobre a acollida que tivo a iniciativa do centro de unirse a este concurso, Rodríguez Martínez indica como na xornada celebrada este xoves participaron non só membros da comunidade universitaria senón persoas alleas a ela, estimando que un 70% das e dos participantes eran estudantes da Escola Superior de Enxeñaría Informática e un 30% persoas de fóra.
Hash Code, explican dende a UVigo, é un concurso de programación en equipo, organizado por Google, para estudantes e profesionais de todo o mundo. As e os participantes elixen o seu equipo e linguaxe de programación e Google selecciona un problema de enxeñaría para que o resolvan nunhas horas. A edición deste ano iniciouse cunha competición en liña, onde cada equipo, formado por entre dúas e catro persoas, puido competir desde calquera recanto, incluído un dos centros elixidos como Hash Code Hubs. Os mellores equipos serán convidados a unha oficina de Google para competir na rolda final.
A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense solicitou este ano a súa concorrencia como Hash Code Hub, presentando unha solicitude na que se explicaba o carácter da entidade e as súas instalacións e que foi finalmente aceptada.
Amais do Hash Code Hub achegado pola Universidade hai finalmente outros 733 espazos de actividade e traballo participantes, fornecidos por case un cento de países.

PUBLICIDADE