Máis de 53.000 alumnos das Universidades de Santiago e A Coruña tirarán proveito do Wi-Fi de Red.es

venres, 14 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

O Ministerio de Industria vén de achegar datos sobre o número de membros da comunidade educativa (alumnos, mestres e persoal administrativo) das Universidades da Coruña e Santiago que poderán gozar da iniciativa Campus en Rede. Ou sexa: sobre as persoas que van ter ó alcance da man a cobertura Wi-Fi de Red.es e dende calquera recanto da área de influenza directa da institución educativa.
A proposta, que se engadiría (aínda non sabemos en que condicións) ás que xa teñen en marcha dende hai tempo as dúas universidades galegas a través dos seus catro campus virtuais, vén da man de Red.es (entidade do Ministerio de Industria) e conta coa participación do Ministerio de Educación, a Xunta e as Universidades galegas, entre outras entidades.
En total, na de Santiago (USC) serán uns 29.000 estudantes, 2.250 profesores e 1.200 empregados de administración os que se van ver beneficiados desta achega de rede sen fíos (que inclúe despregue múltiples de acceso no exterior para prazas e zonas verdes e nos interiores para dar cobertura dentro dos edificios).
Polo que respecta á da Coruña, dicir que está previsto que tiren proveito da infraestrutura máis de 24.000 estudantes, preto de 1.330 profesores e 769 administrativos. A infraestrutura elixida e a súa implantación será a mesma ca na de Santiago.
A de Vigo, que tamén ten en marcha as súas particulares iniciativas de subministro de acceso á Rede sen fíos, non figura aínda na listaxe de Campus en Rede.

PUBLICIDADE