Máis de 5.000 persoas de toda Galicia acudiron ao Talentia Summit de Santiago

mércores, 23 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

Finalmente botou o peche o encontro Talentia Summit’19, destinado a facilitar a máxima interactividade entre empresas e potenciais integrantes destas empresas, co fin de estimular o emprego e a colaboración. O evento, que se celebrou entre o luns e hoxe, veu da man da Concello de Santiago, quen salientou este mércores, a través do seu alcalde (Xosé Sánchez Bugallo), as importantes cifras de participación obtidas: 5.000 persoas mobilizadas de toda Galicia, máis dun centenar de empresas ofrecendo oportunidades de contratación e unha manchea de currículos circulando dende as primeiras (as persoas mobilizadas) ás segundas (as empresas).
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, clausurou hoxe o evento nun acto institucional no que tamén participou a concelleira de Compostela Aberta, Marta Lois, e membros do Pacto local polo Emprego. Xosé Sánchez Bugallo destacou “o éxito desta edición”, e emprazou á organización “a seguir traballando para que a do próximo ano sexa aínda mellor”.
Volvendo ás cifras, a edición 2019 veu acompañada de 1.000 vacantes achegadas á web do evento; 100 empresas participantes durante a Feria do Talento (70 delas recrutando talento directamente profesionais); 940 asistentes en actividades de formación, certificación e desenvolvemento do talento; 400 persoas usuarias dos talleres como vídeo-currículo profesional, fotografía profesional, redeseño do currículo e LinkedIn e orientación laboral; e 370 persoas que asistiron a sesións de asesoramento (mentoring) persoal para recibir resposta a dúbidas dos seus sectores profesionais.

PUBLICIDADE