Máis de 300 persoas participan en Santiago no congreso iberoamericano de educación na era dixital

mércores, 4 de xuño do 2014 Redacción

Finalmente celebrouse na Cidade da Cultura o Primeiro Foro Iberoamericano de Educación e Cultura na Era Dixital, FIECED, unha cita que avanzamos os días pasados en Código Cero e que conseguiu reunir en Santiago a máis de 300 participantes. O congreso desenvolveuse os días 3 e 4 de xuño, sendo un dos seus obxectivos debater e intercambiar coñecemento (coñecemento transatlántico) sobre o futuro da dixitalización das aulas. O desenvolvemento das novas tecnoloxías e as súas implicacións no ensino foi o alicerce dos relatorios de Alejandro Piscitelli, profesor titular do proxecto #humanidadesdigitales, Tomás Poveda, director da Casa de América e Miguel Ángel Prats i Fernández, mestre e psicopedagogo.
Tamén participou no encontro o conselleiro de Educación e Cultura Xesús Vázquez, que fixo un repaso das oportunidades para a docencia galega que fornecen os recursos dixitais.
Os asistentes ao foro puideron coñecer na primeira xornada de actividades os produtos e solucións presentados polas diferentes empresas expositoras, como por exemplo mesas interactivas, encerados-monitores dixitais interactuando na contorna Windows, a Mochila Dixital Segura OnBook, así como outras solucións educativas ao redor dos novos soportes para o aula. Igualmente, informa a organización do congreso, presentáronse os últimos modelos de proxectores interactivos e sistemas de videoconferencia pensados para o mercado educativo.
Segundo engaden os impulsores do foro, os alumnos galegos gozaron ademais dunha exhibición de robótica, de demostracións sobre o funcionamento das impresoras en 3D e doutras novidades tecnolóxicas pensadas para nenos e adolescentes, para os ámbitos familiares e por suposto tamén para as aulas.
Amais do devandito, na mañá da primeira xornada do foro (a do día 3) amosáronse casos de éxito de TIC no ensino como o exposto polo director do Centro Rexional de Formación ao Profesorado de Castela-A Mancha, Jesús Fernández Cid, un proxecto de transformación dixital na formación do profesorado. Xa pola tarde, Celia Sánchez-Ramos, científica e investigadora da área de Ciencias da Visión falou no seu relatorio da relación entre a universidade e a empresa privada.

Os galardoados nos Premios FIECED

O principal obxectivo de FIECED, foro organizado pola firma tecnolóxica Crambo, foi xuntar vontades, esforzos e visións dos diferentes pobos de Iberoamérica para conseguir afrontar en inmellorábeis condicións o reto da educación na era dixital. E de retos falou tamén Peter Hill, experto consultor en áreas curriculares e de certificación, cuxo relatorio desenvolveuse este mércores centrándose no papel das novas tecnoloxías aplicadas á cualificación na era dixital.
Por outra banda, en FIECED quíxose recoñecer aos profesionais, organizacións e entidades que favorecen o desenvolvemento da educación: Casa América, a Universidade Complutense de Madrid, a revista Educación 3.0, a violinista Ara Malikian e máis ao especialista en docencia e tecnoloxías Peter Hill.

PUBLICIDADE