Máis de 2.600 fogares de Friol accederán á Internet ultrarrápida de Adamo ao longo de 2024

mércores, 6 de marzo do 2024 S. P.

A operadora Adamo, especializada en achegar servizos de fibra avanzada no rural, fixo balance das súas previsións para este ano no concello de Friol (Lugo), onde segundo ten programado, levará a Internet de alta velocidade a máis de 2.600 fogares e empresas.
A despregadura, engade a empresa, está a ser executada “de forma progresiva”, aínda que xa levou a cabo a conexión de 170 familias do concello á súa fibra óptica. “Estas actuacións”, explica Adamo, “resultan máis complexas do habitual, dado que implican a instalación de tres cabeceiras que, ao finalizar o proxecto, quedarán interconectadas entre si para que a rede quede plenamente asegurada, fixada e consolidada”.
Tecnoloxía fronte ao despoboamento
Adamo engade no seu balance que “aínda que esta infraestrutura abre numerosas posibilidades, resulta inevitábel identificar esta novidade tecnolóxica coa loita contra o despoboamento que mantén Friol desde hai décadas -leva 80 anos perdendo habitantes- e que deixa hoxe unha cifra de apenas 3.600 veciños no mesmo”.
Friol, como Madrid ou Barcelona
A empresa destaca que a tecnoloxía habilitada é fibra óptica de ata 1.000 Mb, a mesma velocidade máxima habitual de conexión que pode atoparse en calquera gran cidade. “Deste xeito”, engade Adamo, “é posíbel navegar por Internet á mesma velocidade en Barcelona, en Madrid... e no concello de Friol”.
Reunión co alcalde
David Llano, responsábel de Adamo en Galicia, reuniuse a semana pasada co alcalde de Friol, José Ángel Santos, quen está impulsando o desenvolvemento desta infraestrutura clave tanto concedendo os permisos pertinentes con axilidade como facilitando sempre o labor dos técnicos do operador.
Por certo que a conexión que fornece Adamo (de até 1.000 Mbps, como xa se sinalou), posibilita realizar con garantías actividades que hoxe resultan habituais: teletraballo, educación online, compras por Internet, citas médicas telemáticas ou gozar de videoxogos, series e películas en remoto, entre outras.
Ola, veciño!
Co obxectivo de dotar de conexión de calidade aos sitios máis apartados, Adamo dispón do servizo Ola, veciño!, un formulario que se pode encher na web da empresa e que permite avisar á persoa interesada en canto a fibra chegue ao seu fogar. Así mesmo, en adamo.es teñen a opción de picar no apartado chamámoste para que un teleoperador da compañía estableza contacto co futuro cliente. Amais, pódese marcar o 1600 para recibir información e/ou contratar produtos.

PUBLICIDADE