Máis de 173.000 galegos poden contratar conexións de 100 Mbps grazas ao Plan de Banda Larga 2010-2013

luns, 30 de maio do 2011 Redacción

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Mar Pereira, e o conselleiro delegado de R, Arturo Dopico

Esta mañá a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e o conselleiro delegado de R, Arturo Dopico, fixeron balance do despregamento de redes de nova xeración (NGA) en Galicia ao abeiro do Plan de Banda Larga 2010-2013, facilitando aos galegos os accesos á Internet cunha calidade que permita o acceso aos servizos máis avanzados de telecomunicacións.
R é a compañía encargada levar estas infraestruturas de nova xeración a través da nosa comunidade autónoma, conseguindo dende o comezo do Plan chegar a 74 dos 193 núcleos de poboación programados ata 2013, dende os que se poderán contratar conexións de 100 Mbps de baixada e 5 Mbps de suba cun caudal garantido do 80%.
Actualmente xa hai uns 500.000 galegos que teñen acceso a estas novas redes nas cidades galegas, pero o Plan de Banda Larga 2010-2013 pretende que haxa outras 575.000 persoas beneficiadas destas infraestruturas no noso rural, superando así o millón de galegos coa posibilidade de acceder á Rede nunhas condicións aptas para os servizos máis esixentes que se poden atopar na Internet, situando a Galicia nunha posición equiparable á das grandes cidades europeas no que a conectividade se refire.
Amais, R non pensa quedar nos 100 Mbps, senón que tamén está a traballar en mellorar as súas redes de fibra óptica para poder ofrecer conexións de 200 Mbps en 2012. Tamén aproveita as súas infraestruturas para ofrecer servizos adicionais como a televisión (que en breve contará con alta definición e vídeo baixo demanda).
Dende outubro de 2010 e ata finais dese ano activáronse os núcleos de Mesoiro, Palavea, Santa Gema, A Zapateira, Casanova de Eirís, Eirís de Arriba, Montserrat, A Cabana e San Pedro de Visma no contorno da Coruña. Ademais, tamén nesa provincia teñen acceso ás novas redes dende o ano pasado os núcleos de Meicende e A Pastoriza en Arteixo, Freixeiro (Narón), O Milladoiro (Ames), Os Tilos (Teo), Cordeda (Culleredo) e Sigüeiro (Oroso). Na provincia de Pontevedra incorporáronse ao grupo de localidades con acceso a redes de nova xeración Pereiro, Bagunda, Ceboleira, Pardavila, Roade, Rioboo e Raviso, todos eles en Vigo; Redondela e Angorén (Redondela) e Barca e Valina en Poio.
En 2011 activáronse núcleos, ata un total de 47, en zonas da Coruña, Culleredo, Narón, Oleiros, Cambre, Marín, Ares, Cedeira e Fene. Antes do remate de 2013 prevese cubrir outras 119 localidades das catro provincias galegas.


Declaracións de Mar Pereira sobre o despregamento de redes de nova xeración en Galicia

PUBLICIDADE