Máis da metade das empresas suspenden en accesibilidade en liña

luns, 23 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

Estamos en boas condicións para que falar cunha empresa na Internet non sexa como falar cunha parede? Dito doutra maneira: representa a Rede para as empresas unha canle de comunicación verdadeiramente útil e rendible co cliente ou ben elles unha estratexia para enlealo? Segundo un informe do Observatorio Santiago Mediano Avogados que reflicte CiberSur, a Rede representada polo sector privado non semella cumprir moitas destas esixencias básicas en materia de accesibilidade en liña. De feito, engádese no informe, máis da metade das empresas incumpren este tipo de requirimentos de navegación establecidos ao abeiro da Lei de Impulso da Sociedade da Información.
Cómpre lembrar que este regulamento, posto en marcha hai dous anos, promove a supresión de atrancos para que a comunicación entre consumidores e empresas sexa fluída. O estudo, feito sobre a base dos casos de empresas representativas dos sectores que o regulamento obriga a habilitar canles telemáticas para os clientes, certifica que unha boa parte destas páxinas específicas non serven máis que para ocupar espazo en liña. Por sectores, engade o informe, as firmas que mellor seguimento fan da Lei son as da banca e as do transporte aéreo. Polo que respecta a atención á diversidade funcional, a investigación sinala que a aposta pola accesibilidade segue a ser unha das grandes materias pendentes do noso tempo. De feito, só o 30% das empresas avaliadas deron mostras de ter adaptado os seus servizos en liña para dar resposta aos ditos colectivos.

PUBLICIDADE