Máis apoios para as xornadas JAI, que comezan o día 12 de novembro en Vigo

mércores, 31 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

O profesor da Universidade de Vigo Ignacio Armesto, principal impulsor das JAI

As Xornadas de Automatización Industrial da Universidade de Vigo, impulsadas polo profesor Ignacio Armesto, xa teñen arestora máis de 470 asistentes particulares inscritos, 230 profesionais rexistrados e unha manchea de empresas colaboradoras (ABB, Rockwell Automation, Siemens ou Schneider) achegando o seu apoio para asegurar o meirande número de éxitos nesta nova edición dunhas xuntanzas, coñecidas como as JAI, dirixidas a xuntar futuros traballadores da enxeñaría e a robótica e compañías e centros de I+D con capacidade para contratalos. As xornadas, que van pola súa quinta edición celébranse entre o 12 e o 16 de novembro (agás o 14, para o que está convocada unha folga xeral) no Centro Social Novacaixagalicia.
Arestora, a organización segue a pechar máis apoios, o último o da Fundación Novacaixagalicia, que porá a disposición dos asistentes as maiores facilidades para acceder ao seu programa de bolsas de iniciación laboral. Lembrar que nestes encontros, amais de achegar un acubillo común para pór en contacto ao alumnado coa empresas da automática, trátase de favorecer a interacción, a inserción laboral e o coñecemento das necesidades destes eidos da industria. “Robótica e automática teñen cada vez máis peso nas plantas industriais e é preciso que formar futuros profesionais preparados para un mercado en constante evolución e coñecedores das necesidades e tendencias do sector; para isto, o contacto directo coas empresas durante estes catro días é unha achega dun enorme valor”, informa en detalle a Universidade de Vigo.
Para os que non poidan asistir, as JAI2012 serán retransmitidas en directo a través de UvigoTv.
Colaboradores de primeira liña
Nesta quinta edición das JAI colaboran 13 empresas do eido da automática (ABB, Beckhoff, Harting, Imatia, Kuka, Mdt Software, Omron, Phoenix Contact, Rockwell Automation, Schneider Electric, Siemens, Weg e Wonderware), ás que cómpre sumar outras entidades participantes como Base2, DNET, Logitek, Macraut, Solidq, así como asociacións nacionais como o Comité Español da Automática, a Sección Española da International Society of Automation e internacionais como OPC Europe e PLCopen.
Ignacio Armesto destaca tamén a participación de catro egresados das antigas escolas de enxeñería industrial, como José Manuel Pazo, socio consultor de Enermed e general advisor de Eurus Energy; Óscar Fernández, responsable de automatismos e manutención dos centros de produción de PSA Peugeot Citroën en Vigo e Mangualde; Alfonso García, catedrático da Universidade de Málaga e Antonio Casal, director do centro de operacións de ENCE Pontevedra.

PUBLICIDADE