Magzter estrea unha tarifa plana de revistas en formato dixital

luns, 19 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Os afeccionados aos soportes de lectura dixitais poden gozar agora dunha oferta sen competencia, xa que o quiosco dixital Magzter, que ofrece máis de 2.000 revistas ao mes en distintos idiomas, aparte de ofrecer as publicación en formato dixital a un prezo considerablemente inferior ás edicións impresas, conta agora con dúas modalidades de subscrición: Magzter Gold, que ofrece acceso ilimitado a todas as publicacións por só 9,99 euros/mes e Magzter Gold Lite, que limita a oferta a 5 revistas a un prezo de só 4,99 euros/mes.
Os contidos de Magzter están dispoñibles vía web, ou a través de aplicacións para iOS, Android e Windows 8.1, de xeito que facilítase a lectura dende múltiples dispositivos dende os que poder ler números atrasados, recibir notificacións cando cheguen novos contidos, descargar exemplares para a súa lectura fóra de liña ou indicar os nosos gustos para descubrir as publicacións que se axustan aos nosos intereses. E todo sen compromiso de permanencia neste modelo de subscrición que incluso pode resultar atractivo para o público español, xa que o catálogo de Magzter inclúe 92 revistas en español como FHM, Stuff, iCreate, Rockdelux, Hobby Consolas, Computer Hoy, DT, PlayManía, Más Allá, Qué Leer ou Metal Hammer.
Temos así como unha fórmula que explotan con éxito plataformas como NetFlix, podería trasladarse ás publicacións impresas, quedando agora por ver o número de publicacións que se suman a iniciativas nesta dirección, aínda que xa hai quen apunta a que este rumbo está destinado ao fracaso (xa que o formato atómico das revistas vai no sentido oposto ao consumo na nube de música e vídeo).

Magzter facilita o acceso aos seus contidos dende dispositivos móbiles

PUBLICIDADE