MVI: novo soporte interactivo candidato á suceder ó CD

luns, 20 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Nisto da tecnoloxía, ou tes máis espírito crítico có de costume e desconfías de antemán de todo o que che meten as empresas polos ollos, ou acabas por tolear. Ou sexa, se cadra só hai un xeito de ollar á innovación ó servizo do mercado: de esguello e coa garda posta. Toda esta enleada vén a conto por mor das “intrigas” pacegas xurdidas arredor da caída inminente do CD e dos posibles sucesores: SACD, DDV-Audio, AAC, etc. Isto non é novo: sempre houbo situacións propicias para que compañías de todo o mundo se reunisen arredor dunha tecnoloxía moribunda co fin de coller o cetro. Pero co CD a “cousa” sucesoria semella que vai acadar máis intensidade.
Este luns 20 xa tivemos noticia doutro candidato: o MVI (Music Video Interactive), novo formato de discos que parte como mínimo coas mesmas capacidades cós seus competidores (hai quen di quen ten máis potencialidade no almacenamento e tamén na calidade de son) e que inclúe funcións de interactividade que a xuízo da prensa americana poderían a ser a inxección de “Viagra” pola que viña agardando a industria discográfica mundial.
Ou sexa, que agora o consumidor xa está un pouco farto de ir ás tendas de CDs e mercar por 18 euros algo que poden conseguir de balde compartindo libremente na Rede e que non ofrece nada máis ca música e dúas follas de papel (portada e contraportada), apunta a prensa daquel país. Así, engade o USA Today, a resposta ó CD podería ser un disco interactivo como o MVI que ofreza tons ou videoclips para o móbil ou documentación de todo tipo, malia custar cinco euros máis có vello soporte. Sexa como sexa, volvemos ó sinalado ó principio deste artigo: calquera desenvolvemento tecnolóxico do que se fale moito debe ser obxecto de sospeita mentres non se amose a súa falta de “culpabilidade”. Ou é que estamos de verdade dispostos a pagar 23 euros polo que antes xa non mercabamos por 18, por moitos contidos interactivos e calidade de son que inclúa?

PUBLICIDADE