MOO introduce un chip NFC nas súas tarxetas de visita personalizadas

martes, 6 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Hai tres anos dende MOO propoñían a creación de tarxetas de visita que integrasen un chip NFC no seu interior, como un xeito tecnolóxico e orixinal para ampliar os seus contidos, para o que iniciaron unha experiencia piloto que parece ter saído ben, pois dende hoxe ofrecen ao público as súas Tarxetas de Visita+, que buscan que cando unha persoa achegue o seu móbil con NFC a unha destas tarxetas se dispare unha acción dixital que podería servir para amosar información de contacto, levar a unha páxina web ou tenda en liña ou incluso remitir á descarga dunha aplicación móbil.
Cómpre destacar que, aínda que os últimos iPhone conten con NFC, esta tecnoloxía está limitada a usos autorizados por Apple (concretamente para realizar pagamento co móbil), de xeito que estas tarxetas de MOO só funcionarían axeitadamente con terminais Android e Windows que conten con NFC, sendo posible gravar a información na tarxeta de visita tamén cun simple toque do móbil. Deste xeito podemos cargar unha ligazón cunha páxina web, conectar con redes sociais, promocionar aplicación, compartir listaxes de reprodución de Spotify, conectar con LinkedIn, convidar a unha videochamada ou invocar a un navegador GPS para atopar onde se celebra un evento. As posibilidades son moitas, dun xeito semellante a como viñan a ser os códigos QR, pero cun toque máis moderno e sen precisar de aplicacións móbiles adicionais para a súa lectura, sendo o seu principal atranco (xunto co feito de que aínda non hai moitos dispositivos que fagan un uso efectivo do NFC) o seu prezo, xa que as novas tarxetas parten dun prezo de 36,29 euros para 20 unidades.
De todos os xeitos estamos ante unha oportunidade de innovación, que Richard Moross, fundador de MOO, define como “o meirande avance no mundo das tarxetas de visita dos últimos trescentos anos”.

Vídeo promocional das Tarxetas de Visita+

PUBLICIDADE