MD.USE impulsa novo software para desvelar e predicir o comportamento das moléculas

venres, 6 de maio do 2016 Redacción

Entre as empresas xurdidas das nosas universidades (spin-off) con meirande proxección atópase MD.USE, unha nova compañía adicada ao desenvolvemento de software científico de modelado molecular e de aplicacións educativas e de divulgación. Da firma MD.USE falamos recentemente en Código Cero para dar conta dos seus éxitos obtidos no centro de crowdworking de Telefónica na Cidade da Cultura, Galicia Open Future, onde foi proclamada gañadora da segunda edición deste centro de emprendemento, xunto con Autofarm e SetPay. Tamén reflectimos a participación de MD.USE no Dia das Rapazas nas TIC, celebrado os días pasados no CESGA, onde Rebeca Fandiño, directora científica da spin-off compostelá, falou da súa experiencia como muller profesional do ámbito TIC e máis da súa propia actividade en MD.USE, onde leva dous anos desenvolvendo software dirixido a avaliar, entre outras cousas, o comportamento das moléculas. Segundo fixo saber daquela, MD.USE traballa en boa medida para ver o que en circunstancias normais nunca poderiamos ver. Neste caso, o comportamento segredo das agrupacións de átomos.
MD.USE xorde no ano 2015 a partir da bagaxe amoreada durante anos por dous grupos de investigación das áreas de Química Orgánica e Física Aplicada. Arestora a empresa está integrada por investigadores en simulación computacional, programadores, desenvolvedores de aplicacións en realidade virtual e expertos en xestión empresarial. Como dixemos, MD.USE centra boa parte da súa actividade e do seu coñecemento en materializar software de modelado molecular. Porén, tamén achega servizos de consultoría personalizada e impulsa ferramentas de divulgación baseadas en realidade virtual. O seu software encamíñase a avaliar en detalle a forma de relacionarse das moléculas entre si, sendo unha das finalidades disto albiscar como será o seu comportamento baixo certos condicionantes particulares. En base a este estudo previo MD.USE achega recursos propios do que se coñece como Industria 4.0: fornece datos e metodoloxías para facer o máis eficaz, eficiente e sustentábel posíbel un traballo concreto de investigación e desenvolvemento, neste caso un traballo de investigación molecular.
A día de hoxe MD.USE ten prontos, entre outros recursos avanzados, unha ferramenta informática de análise da conformación das moléculas pequenas en máis de 150 disolventes e, tamén, un sistema para visualizar moléculas en realidade virtual para dispositivos móbiles Android e Oculus Rift. Tamén foi quen de materializar unha base de datos de simulacións en dinámica molecular de ciclodextrinas.

PUBLICIDADE