Luz verde á fase once do despregamento de fibra óptica na área histórica de Santiago

venres, 16 de xullo do 2021 S. P.

A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico de Santiago vén de informar de xeito favorábel sobre a fase once de despregamento de rede de fibra óptica na Cidade Histórica compostelá. Esta nova etapa do proxecto para fornecer de rede FTTH (Fiber To The Home) a zona vella de Santiago desenvolvido por Orange-Jazztel por encargo do Concello conta cun orzamento de 17.426,58 euros, e abrangue rúas que citamos a continuación.
-Rúa de Rodrigo de Padrón 3 e Rúa de San Clemente 13
-Quinteiro da Rúa de Valle Inclán, Costa de San Domingos e Rúa das Rodas.
-Rúa das Carretas (núm. Pares).
-Rúa do Pexigo de Abaixo.
-Rúa do Pexigo de Arriba
-Rúa de Entrepexigos
-Rúa da Ensinanza (núm. 5 a 13)
-Ruela do Pisón
O obxectivo, segundo o proxecto presentado, é dar cobertura ao 100% dos posíbeis usuarios existentes no ámbito, evitando así a necesidade de futuras ampliacións. Para iso a empresa incorpora un novo deseño da rede de distribución co que se acadan melloras como a redución do número total de caixas, de cables e de fusións. A proposta foi informada de xeito favorábel, como dixemos, aínda que coas mesmas condicións que as anteriores fases, entre as que destacan:
-As arquetas e canalizacións soterradas que requiran de escavación deberán ser obxecto do correspondente proxecto de intervención arqueolóxica. Estes traballos de excavación deberán ser realizados polo Consorcio de Santiago.
-Os cables de acometida deberán acceder ás unidades inmobiliarias a través do portal e os elementos comúns interiores dos inmóbeis.
-As novas caixas ópticas terminais terán un acabado en cor gris, para reducir o impacto visual.
-O trazado dos pasos de rede soterrados deseñarase sempre seguindo a aliñación das lousas de granito.
-As tapas das novas arquetas serán de lousa de granito, das mesmas características que o pavimento.
-A nova rede debe ser compartida con empresas ou operadores de telefonía interesados en ofertar os seus servizos na cidade histórica, “xa que por razóns de protección do patrimonio cultural resultaría imposíbel autorizar unha rede independente por fachada para cada un dos operadores”, explica o Concello.

PUBLICIDADE