Luís Pérez Freire asume a dirección xeral do centro tecnolóxico Gradiant

venres, 10 de xullo do 2015 Redacción

Gradiant, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, ten novo director xeral, Luís Pérez Freire, vencellado ao Centro dende 2009. Até a data do seu nomeamento como director xeral, Pérez Freire ocupaba o posto de director de Innovación, e previamente, o de director técnico da Área de Información Multimodal. Pérez Freire é doutor enxeñeiro de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo, despois de centrar o seu labor investigador en tecnoloxías de seguridade e procesado multimedia.
Pérez Freire declarou a súa vontade de seguir as liñas mestras e retos formulados no Plan Estratéxico de Gradiant 2014-2016 (a internacionalización, a excelencia técnica e operativa, e un maior enfoque á xeración de valor para as empresas), en cuxa elaboración colaborou activamente. Así mesmo, reiterou a súa intención de que Gradiant "siga traballando como até agora", en beneficio do tecido empresarial de Galicia e da sociedade galega a través da I+D+i.
Luís Pérez Freire asume o seu nomeamento con "ilusión e compromiso", convencido de que o Centro será capaz de superar os retos que se lle formulan. O novo director xeral declárase "convencido" de que o Centro levará a cabo a súa misión de contribuír ao desenvolvemento tecnolóxico de Galicia e ao crecemento da súa economía mediante a transferencia tecnolóxica e a innovación.

Perfil profesional
Luis Pérez Freire naceu en Marín, Pontevedra, en 1980. Recibiu os títulos de Enxeñeiro de Telecomunicación e Doutor Ingeniero en Telecomunicación por la Universidad de Vigo en 2003 y 2008, respectivamente, periodo no que foi investigador asociado no Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións (GPSC) do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións de devandita universidade, centrando o seu traballo principalmente en seguridade multimedia e watermarking. En 2006 foi galardonado cunha bolsa de postgrado da Fundación Caixa Galicia coa que realizou unha estancia de investigación sobre Digital Watermarking no Electrical and Computer Engineering Department da Universidade de Illinois en Urbana-Champaign, USA. En 2008 foi investigador postdoutoral nos Security Labs de Thomson R&D en Rennes, Francia, onde continuou desenvolvendo o seu traballo sobre protección da información multimedia.
As súas principais liñas investigadoras céntranse no marcado de agua dixital e a seguridade multimedia, áreas sobre as que ten publicado numerosos artigos en revistas e conferencias internacionais de prestixio, e nas que conta con tres solicitudes de patente en proceso. Asemade, ten participado en varios proxectos na área de seguridade multimedia, como na rede de excelencia europea ECRYPT, ou en proxectos nacionais como CINNEO e E2ERM. En 2007 recibiu en Saint-Malo, Francia, o Young Author Best Paper Award do Information Hiding Workshop, IH’07, e en 2009 recibiu o premio COIT/AEIT á mellor Tese Doutoral en Xestión, Economía e Regulación das Telecomunicacións. Luis é revisor habitual das principais revistas na súa área, como IEEE Transactions on Information Forensics and Security e EURASIP Journal on Information Security.

PUBLICIDADE