Lugo sementa a zona histórica con paneis turísticos con códigos QR
mércores, 18 de xaneiro do 2012
Lugo estreou
esta semana unha ferramenta para coñecela mellor, a pé de rúa e con acceso
inmediato. A iniciativa, que vén da man do Concello de Lugo e que inclúe un
orzamento de 75.000 euros, apóiase de cheo no emprego dos móbiles,
concretamente na súa capacidade de ler códigos QR (BiDi), que son o miolo dos
paneis de información turística habilitados no casco vello da cidade. Isto
significa que calquera visitante, a través do seu dispositivo, poderá descargar
ao momento, diante dos ditos paneis, todo tipo de información relevante sobre
os monumentos e puntos de interese da cidade.
A iniciativa, financiada con cargo aos fondos
comunitarios do Plan Urban, foi presentada en tódolos seus detalles polo
alcalde da cidade, José López Orozco, acompañado, entre outros, polo
concelleiro de Cultura e Turismo, Antón Bao.
Segundo se conta dende El Progreso, esta
aplicación é algo máis que unha simple canle de información sobre o que ver en
Lugo. De feito, entre outras moitas cousas, os datos achegados son unha xanela á
vida mesma da cidade, incluídos os personaxes vinculados á historia de Lugo (a
raíña Isabel II, o Apóstolo Santiago, San Vicente Ferrer ou o Bisbo Esquerdo).
Para tirar partido deste novo servizo, pídese o seguinte requirimento: contar
cun teléfono equipado con cámara, acceso á Rede e ferramenta específica para traducir
a información dos ditos códigos. No desenvolvemento do servizo traballaron os
arquitectos Ángeles Castro e Raúl Veiga, así como o deseñador gráfico Luis
Montero. Imaxina foi a responsábel do material audiovisual.