Lugo reivindícase no foro sobre solucións intelixentes para o rural organizado por El Progreso
mércores, 27 de novembro do 2019
O
presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, a alcaldesa Lara
Méndez e o conselleiro de Medio Rural, José González, participaron
este mércores na clausura da
xornada Solucións Intelixentes contra o Despoboamento, un
foro moderado polo xornalista Manuel Campo Vidal que impulsou El
Progreso coa empresa Next Educación no Círculo das Artes de Lugo.
Ao
longo do encontro expuxéronse diversos casos de éxito e diferentes
proxectos: por exemplo os da compañía de telecomunicacións Eurona
Telecom, que aposta de cheo por dixitalizar o rural para impulsalo e
devolverlle a vida; ou o do Concello de Marina de Cudeyo, en
Cantabria, onde se afianza (en colaboración coa firma Zwit Project)
a tele-xestión de servizos municipais a través de Wi-Fi, un proceso
que comezou co alumeado público e estenderase aos contadores de auga
e aos servizos de atención aos maiores (videoasistencia).
Na
cita, como dixemos, participou José Tomé, quen reivindicou o papel
das Deputacións “como ferramentas útiles para axudar a frear a
perda de poboación, facendo un esforzo a prol do desenvolvemento e
modernización dos concellos, especialmente dos máis peq”.
Durante
o acto, o titular do goberno provincial enxalzou instrumentos de
cooperación cos concellos como o Plan Único da Deputación de Lugo,
que, segundo lembrou, “distribúe máis de 20 millóns de euros
entre os 67 municipios lucenses con criterios públicos e obxectivos
para implantar e mellorar servizos e infraestruturas municipais”.
Ademais,
instou a outras administracións a ter “un maior grao de
colaboración cos municipios” á hora de acometer “obras e
infraestruturas que deberían ter sido feitas hai anos, como
saneamento, accesos e transporte público, sanidade, atención a
domicilio ou residencias da terceira idade”. Tamén asegurou que “a
mellor política demográfica consiste na creación e mantemento dun
emprego de calidade, sustentado nun sistema educativo que combine a
formación profesional e universitaria, e na prestación de servizos
á cidadanía”.
A
xornada Solucións Intelixentes contra o Despoboamento reuniu
a expertos, profesionais e emprendedores, que abordaron a
problemática da sangría demográfica a través de diferentes casos
concretos e avanzaron algunhas propostas de posíbeis solucións, boa
parte delas pola vía TIC.