Lugo reivindica as científicas como referentes para a mocidade con accións a pé de rúa

venres, 10 de febreiro do 2023 Lucía Villaverde

O Goberno de Lara Méndez en Lugo conmemorará, por segundo ano consecutivo, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Farao a través da Concellaría de Muller e Igualdade, que dirixe Silvia Alonso, levando a cabo unha actividade a pé de rúa dirixida a cativos e cativas lucenses.
A iniciativa consiste na elaboración dun Memory – xigante – de cartas con achegas de 10 mulleres científicas. O xogo consiste en casar a imaxe de cada unha co seu logro. As cartas póñense boca abaixo e, en cada quenda, cada xogador/a dá a volta a dúas cartas. Se son parella gaña, e se non recolócanse no seu sitio.
O xogo levarase a cabo en diferentes parques infantís de Lugo e nas súas inmediacións das 16.30 ás 18.30 horas do 11 ao 17 de febreiro, e estará centrado en educar en igualdade desde idades temperás, xa que “os nenos e nenas están libres de prexuízos, polo que implementar ensinanza igualitaria repercutirá no seu desenvolvemento dende unha perspectiva de xénero” apunta Alonso.
A acción faise co obxectivo de aportar referentes femininos no eido científico e axudar a espertar as vocacións das cativas no ámbito das STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría en Matemática), contribuíndo así a eliminar os prexuízos na súa elección profesional e máis a visibilizar mulleres científicas esquecidas na tradición académica.

PUBLICIDADE