Lugo quere levar a mellor cobertura móbil a 11 parroquias do Val do Mera
luns, 24 de febreiro do 2020
O
Concello de Lugo deu a coñecer a semana pasada os seus vindeiros
plans para facer posíbel o uso do móbil no rural do municipio e nas
mellores condicións posíbeis. Ao abeiro deste compromiso coas
telecomunicacións impulsarase a sinatura dun convenio marco coa
axencia autonómica AMTEGA e a federación galega FEGAMP para
mellorar as liñas de telefonía en contornas afastadas do casco
urbano, en
concreto nas once parroquias do Val do Mera, en palabras do Concello
“moi deficitarias” en materia de comunicacións.
Son,
concretamente, os seguintes núcleos de poboación: Santa Maria Alta,
Santa Marina de Torible, San Pedro de Mera, San Miguel de Bacurín,
San Martiño de Poutomillos, Santiago de Prógalo, Vilachá de Mera,
Santalla de Bóveda de Mera, San Vicente de O Burgo San Vicente de O
Veral e San Xoán do Alto.
Segundo
fixo saber o Concello, “tentamos dar resposta ás demandas da
veciñanza desta área, xa que a falta de comunicacións e dos
servizos de voz e datos nas redes móbiles está a causarlles
bastantes problemas”, informou o pasado venres o concelleiro de
Medio Rural, Miguel Fernández, que presentou xunto cun técnico o
estudo de cobertura móbil que o Concello desenvolveu nestas
parroquias, “e que avalan a necesidade de adherinos a este convenio
marco”.
O
concelleiro engadiu que a inclusión desta área (que abrangue o 20%
da superficie do concello) na vangarda das telecomunicacións
contribuiría a “mellorar a calidade de vida dos habitantes desta
contorna, a evitar o abandono das explotacións agropecuarias e a
aumentar a probabilidade de implantación de novas actividades que
necesitan dispor de comunicación móbil, o que permitiría fixar
poboación”.
Nestas
parroquias contabilízanse 3.713 vivendas rústicas e 106
explotacións gandeiras. Ademais, por esta zona pasa un treito do
Camiño Primitivo de Santiago.
O
estudo técnico desenvolvido polo Concello de Lugo seguiu as pautas
fixadas polo convenio para identificar os territorios con eivas de
acceso ás telecomunicacións, que se establecen segundo a cobertura
que ofrecen os operadores de Vodafone, Orange e Movistar e que deben
contar con vivendas.
A
través deste convenio, o Concello de Lugo comprométese a ceder o
terreo para executar as infraestruturas de soporte ás redes de
comunicación móbil no Val do Mera, e neste caso entregará unha
parcela na parroquia de Poutomillos, agora en mans da Axencia Galega
De Desenvolvemento Rural (AGADER), á que se lle solicitou xa a
cesión.
O
Concello de Lugo xa presentou a solicitude para a adhesión ao
convenio.