Lugo lémbralle á cidadanía a dispoñibilidade da app para o pago de impostos locais

venres, 8 de setembro do 2017 Redacción

O Concello de Lugo vén de lembrar ás veciñas e veciños a dispoñibilidade dunha aplicación móbil para facilitarlles o pago dos impostos locais a través de smarphones ou tabletas, sen custo adicional. Trátase dunha app recentemente implantada en Lugo grazas ao Goberno local e a ABANCA, e que permite ás persoas contribuíntes o pagamento de recibos as 24 horas do día durante os 365 días do ano. A ferramenta foi debullada pola concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, quen salientou que a día hoxe están ao cobro os impostos sobre vehículos de tracción mecánica e de pasaxes. A aplicación, como sinalamos no seu día dende Código Cero, iniciou a súa actividade o pasado mes de maio.
Respecto ao recordatorio desenvolvido esta semana, a concelleira Ana Prieto lembrou que a app está dispoñíbel tanto para dispositivos Android como iOS co nome de Concello de Lugo. “Soamente é necesario dispoñer dunha tarxeta de débito ou crédito”, sinalou aludindo ás facilidades de uso que pon en xogo, engadindo que “a aplicación permite realizar o pagamento do recibo en dous cómodos pasos”. Primeiro, elíxese como se introducen os datos do recibo (facendo unha foto coa cámara do móbil ou tableta ao código de barras, introducindo os números do código de barras ou escribindo os datos do recibo) e, a continuación, “cómpre teclear os datos da tarxeta para efectuar o pagamento”. Prieto fixo saber que para axilizar a achega de información persoal, tanto da tarxeta como do recibo, “a ferramenta permite engadilos facéndolles unha foto coa cámara do dispositivo”.
Tamén recordou que a aplicación conta, ademais, cun asistente que axuda ao usuario a formalizar o pagamento de recibos guiándoo en todo o proceso. O abono de recibos a través deste recurso informático é de balde, sen ningún tipo de comisión. “Este”, sinalou a edil, “é un avance máis no pago telemático, para facelo máis doado e accesíbel, e que se suma ás ferramentas de pago en liña que ofrece o Concello dende o 2009”.
Lugo, informou, é o segundo Concello que dispón desta aplicación, tralo da Coruña, e a cuarta institución, tralas Deputacións de Coruña e Ourense e a entidade local coruñesa.

PUBLICIDADE