Lugo instala dúas ducias de dispositivos intelixentes para o seguimento dos consumos eléctricos

luns, 7 de setembro do 2020 S. P.

O Concello de Lugo instalou 23 cadros intelixentes de telecontrol (dos 47 previstos) destinados a facer seguimento e monitoraxe do consumo eléctrico público, introducindo elementos extra de automatización, eficiencia e sustentabilidade. O fornecemento dos dispositivos en diferentes recantos da cidade forma parte dun dos proxectos de Lugo Smart City. O subministro foi verificado pola alcaldesa Lara Méndez, que dixo que os resultados recollidos “permitirán aplicar políticas de xestión máis sustentábeis e respectuosas seguindo o noso modelo de cidade verde”.
Coas últimas instalacións, son xa 23 os equipos de telecontrol que incorporan a plataforma analítica de intelixencia enerxética os que están activos, e están pendentes de colocar 24 máis ata chegar a un total de 47.
Nas vindeiras semanas finalizarán as probas de funcionamento e comezarase a facer seguimento dos consumos enerxéticos medindo factores como a tensión en cada fase, a intensidade, a frecuencia eléctrica, a potencia ou a enerxía activa e reactiva acumulada. Segundo fixo saber a alcaldesa unha da vantaxes do sistema é que, de existir un consumo alto, poderanse detectar enganches ilegais ou, no caso contrario, problemas de subministro, que se poderán “emendar de xeito moito máis áxil”.
Esta acción, na que se inviste 120.000 euros, é dunha das experiencias piloto integradas no proxecto Lugo Smart City, posto en marcha no pasado mandato co obxectivo de mellorar a prestación de servizos públicos locais con alta incidencia no cidadán a través de cambios nos modelos de xestión apoiados nas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). A proposta presentada para este fin por Lara Méndez acadou 4,1 millóns de euros para a materialización do proxecto, dos que uns 2,5 millóns (un 60%) viñeron man de Red.es, co co-financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O resto, uns 1,6 millóns, proceden do Concello.
O programa Lugo Smart City tamén inclúe, entre as liñas de traballo xa “moi avanzadas”, a implantación completa e integral da Administración Electrónica no Concello, unha plataforma de xestión intelixente de infraestruturas locais ou a instalación de sensores de almacenamento conectados vía GPRS ou 3G nos colectores urbanos e rurais, xa instalados.

PUBLICIDADE