Lugo implícase coa reciclaxe de refugallos electrónicos

mércores, 25 de outubro do 2017 Redacción

Ten a tecnoloxía que non usamos os días contados? Non ten porque ser así. De feito, boa parte dos aparellos aos que (polas razóns que sexan) non lles damos uso poden ter moita máis vida da que imaxinamos. Por exemplo os computadores. Combater a filosofía de usar (durante pouco tempo) e botar ao lixo é un dos grandes obxectivos de iniciativas como a presentada os días pasados polo Concello de Santiago e Teimas (nos centros sociais), e tamén da campaña de información e concienciación O que se enchufa recíclase, coa que colabora o Concello de Lugo e que equipará á cidade da Muralla, permanentemente, de 7 contedores para depositar residuos eléctricos e electrónicos en establecementos comerciais. A súa situación pode consultarse na web www.oqueseenchufareciclase.gal.
Onte mesmo, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, visitou as actividades desenvolvidas no mercado municipal Quiroga Ballesteros no marco da dita campaña.
Piñeiro sinalou que o Concello “está moi implicado con este tipo de iniciativas, que axudan a atallar o descoñecemento que aínda teñen moitas persoas sobre a reciclaxe de aparellos eléctricos e electrónicos, que nalgúns casos poden ser perigosos”. De feito, engadiu, no novo contrato de limpeza viaria e recollida de lixo que o Goberno local está a preparar, “estudamos incluír a instalación de puntos móbiles na cidade para facilitar precisamente a recollida deste tipo de residuos”.
O que se enchufa recíclase ten unha duración de 9 meses e percorrerá 138 municipios galegos de máis de 4.000 habitantes. En cada municipio instálase un posto informativo no que un equipo de técnicos explicará á cidadanía distintas inquedanzas sobre a reciclaxe.

PUBLICIDADE