Lugo fai un chamamento a participarmos no seu quinto campionato mundial de modelado móbil en 3D

venres, 23 de decembro do 2016 Redacción

A Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo acolleu esta semana a presentación da quinta edición do campionato mundial de modelado 3D de precisión con móbil, un certame de gran prestixio e influencia internacional inserido no marco da D3 Mobile Metrology World Leage 2017. Segundo se lembrou no acto, trátase dun concurso científico educativo, dirixido a estudantes entre os 12 e 18 anos, co que se busca estimular a vocación e capacidade científica de estudantes de todo o mundo. E todo a través dun elemento de uso cotiá como é o teléfono móbil, no marco dunha competición por equipos que inclúen docentes como titores. Na presentación participaron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o vicerreitor de Coordinación, Javier Bueno, e o deputado de Innovación, Pablo Rivera, entre outros persoeiros. A rexedora de Lugo anunciou que nesta edición o Concello vai emprestar un apoio especial.
“De feito”, sinalou a alcaldesa, estamos a falar dun evento referencial no eido do deseño avanzado e na creatividade móbil e “cuxo atractivo está fóra de dúbida”, pois nas pasadas edicións participaron preto de 1.400 estudantes de máis de 200 centros duns 40 países. No acto tamén estiveron presentes a xefa territorial de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Mariña Gueimunde, o director do servizo rexional do Instituto Xeográfico Nacional de Galicia, Pablo Carballo, e a coordinadora do grupo promotor da iniciativa, Mari Luz Gil. Na súa intervención, que foi seguida en directo por Periscope e Twitter, a rexedora enxalzou esta iniciativa por ser “unha experiencia única que fomenta a interactividade e a colaboración na aprendizaxe”. Asemade, fixo un chamamento ás mozas e aos mozos para participar nun campionato que segundo expresou, achega múltiples posibilidades e abre unha manchea de portas a vocacións tecnolóxicas futuras. Tamén felicitou aos organizadores por levar a cabo este certame no Campus e na cidade de Lugo.
No acto tamén se fixo saber que a quinta edición de D3Mobile arranca co apoio explícito do vixente do campión mundial de MotoGP, Marc Márquez, ademais de contar co patrocinio da FECYT e o respaldo da UNESCO por “tratarse dun programa que favorece a adquisición de competencias propias do século XXI, a través do fomento da aprendizaxe, ensinanza e resultados educativos mediante o uso das TIC”.
O director deste proxecto de divulgación científica escolar, o profesor da USC Juan Ortiz Sanz, salientou no acto que o obxectivo da D3Mobile é o “de promover o interese pola ciencia entre os máis novos, ademais de introducir aos estudantes preuniversitarios no modelado 3D e nos novos métodos emerxentes de medición de precisión”. O éxito da participación rexistrada nas anteriores edicións de D3Mobile, nas que se inscribiron máis de 4.000 estudantes de todo o mundo, responde, en opinión de Ortiz, “ao crecente uso cotiá do modelado 3D en áreas ligadas á cultura xuvenil (cinema, deporte, motor, moda, videoxogos), así como ao espallemento de modelos virtuais 3D”.
Iniciativa e gañadores na edición 2016
A iniciativa D3 Mobile Metrology World League (campionato de modelado 3D de precisión con teléfono móbil) vén da man do grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela USCAN3D, en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía. Na pasada edición, a cuarta (resolta este verán), os gañadores foron os integrantes do equipo Aspaveres, do concello coruñés de Ribeira, que obtivo o primeiro posto do campionato. O equipo salvadoreño Black Rangers, do Colexio Español Pai Arrupe de San Salvador e o equipo Awawa69 do IES Aguilar e Cano de Estepa (Sevilla) proclamáronse subcampión e terceiro clasificado, respectivamente, deste torneo. Na edición 2016 do torneo internacional participaron 1.348 alumnos e 249 profesores de 223 centros educativos de 37 países de todo o mundo. Ademais, case 60 equipos chegaron á final.

PUBLICIDADE