Lugo fai un chamamento ao emprendemento local para a nova edición de Inicia Coworking

luns, 19 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

O Inicia Coworking de Lugo, impulsado polo Concello e a Escola de Organización Industrial (EOI) no CEI-NODUS co obxectivo de fomentar a innovación (os novos xeitos de facer empresa, de traballar, e tamén os novos produtos e servizos para o noso mercado e o de máis alá), xa ten aberta a inscrición para a cuarta e última edición desta iniciativa. Nela, segundo informou a semana pasada o Goberno local, achégase formación de balde individualizada e acompañamento para a posta en marcha ou afianzamento de novos proxectos de carácter emprendedor e innovador. Poderán incorporarse á nova convocatoria dúas ducias de persoas.
Segundo lembra o Concello, trátase dunha iniciativa que ten ás súas costas importantes fitos laborais e empresariais, como demostra o feito de que nas edicións anteriores, o 70% dos 58 emprendedores e emprendedoras que xa participaron no Inicia Coworking teñan a día de hoxe o seu negocio en marcha e facturando. Ademais, o programa ten un importante factor de igualdade e de anti-discriminación, o que vén certificado polo seguinte dato: máis da metade destas empresas foron impulsadas por mulleres.
O Concello recordou que as persoas interesadas en sumarse poden facelo, ata o 15 de decembro, a través da páxina web municipal, www.lugo.gal, ou na ligazón www.eoi.es/es/espacios-coworking/lugo-4a-edicion/admision, onde se pode atopar máis información sobre esta iniciativa. Esta fase desenvolverase entre xaneiro e xuño do vindeiro ano no CEI-NODUS.
A concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, encargada de dar a coñecer a nova convocatoria, xunto á mentora do programa Úrsula Pérez, puxo o foco na contribución que fai este plan ao tecido empresarial lucense, “axudando á creación de emprego”. Nesta liña, Prieto subliñou “o compromiso do Goberno co emprego, eido ao que destina 3 millóns de euros nos orzamentos”. Ao fío do devandito, fixo un repaso polos programas e accións laborais que impulsa o Concello, por importe de 2 millóns de euros: o Inicia Coworking, o viveiro de empresas a pé de rúa na Tinería ou os obradoiros Fórum 4.0 e InteracTICvate e Mellora Lugo 2018.
O de Lugo é un dos máis de 50 espazos Coworking que a EOI ten en España para emprender, co obxectivo de facilitar o desenvolvemento dos mellores proxectos empresariais presentados. Conta cun orzamento de 800.000€, co-financiados polo Concello e a Escola de Organización Industrial.

PUBLICIDADE