Lugo debulla o seu proxecto smart perante os impulsores de A miña cidade intelixente
martes, 18 de xullo do 2017
- A alcaldesa Lara Méndez presentando o proxexto smart local /Imaxe de Cadena Ser
A alcaldesa de Lugo, Lara
Méndez, recibiu este luns aos xeógrafos Pablo Rodríguez e Eduardo
Bustillo, que fan parada na cidade galega ao abeiro do seu itinerario
(en vehículo eléctrico) polas
82 cidades estatais da rede de Smart Cities, dentro do
proxecto A miña
cidade intelixente, encamiñado
a tomarlle o pulso e visualizar as vantaxes e avances das urbes con
iniciativas concretas de innovación, eficiencia, dixitalización e
sustentabilidade. A xuntanza oficial celebrouse no emblemático
Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo, emprazado en pleno casco
vello lucense para, precisamente, dinamizar dixital e socialmente boa
parte do centro da cidade. Alí, Méndez mostroulles a Rodríguez e
Bustillo os detalles do proxecto local intelixente, Lugo Smart City,
que inclúe un orzamento de 4,12 millóns de euros e que abrangue
unha manchea de iniciativas concretas para converter a cidade galega
nunha cidade máis habitábel, innovadora e mellor xestionada.
En
palabras da rexedora, a intención é que Lugo sexa unha urbe na que
os investimentos en capital humano e social, en
infraestruturas e comunicación tradicionais e modernas, fomenten o
desenvolvemento económico sustentábel e “unha elevada calidade de
vida”. Nesta liña, Méndez apelou ás Smart City como sinónimos
de “cidade viva, audaz e perseverante”.
A alcaldesa engadiu que
entre as liñas de traballo do proxecto atópase a implantación da
Administración Electrónica. Ademais, dixo, o Goberno local
potenciará o uso da tarxeta cidadá (“co que a veciñanza lucense
poderá efectuar distintos trámites, como o pago de recibos”) e
impulsará unha xestión intelixente do control do alumeado na zona
rural e urbana, dos colectores de auga, de refugallos sólidos
urbanos ou da eficiencia enerxética en dependencias municipais. O
proxecto, dixo a alcaldesa, engloba tamén unha plataforma de xestión
intelixente de infraestruturas locais baseado no SIX (Sistema de
Información Xeográfica) para a xestión administrativa, económica,
urbanística, ocupación da vía pública, infraestruturas e
mobiliario, e a mellora do portal de transparencia.
En total, o proxecto 9
iniciativas, entre as que tamén se atopa a xestión de aparcamento a
través de sensores para 200 prazas de aparcadoiro intelixente, que
permitirá ás persoas usuarias coñecer a dispoñibilidade de
estacionamento a través dunha aplicación móbil.
Segundo engadiu Méndez,
co Lugo Smart City o Concello “busca integración para involucrar á
cidadanía nos procesos administrativos; eficiencia para mellorar a
prestación de servizos públicos a través de cambios nos modelos de
xestión apoiados nas TIC; transparencia para facilitar o acceso, a
consulta e o uso dos datos públicos dos servizos municipais e
coordinación, e tamén axilidade para o traballo entre as áreas
municipais a través da integración de servizos intelixentes”.
Entre as áreas de
traballo tamén se atopa o pulo á mobilidade ecolóxica e saudábel.
Nesta liña insírese a limitación da velocidade a 30 quilómetros
por hora na ronda da Muralla (con zona de convivencia nodal con
bicicleta), a ampliación das prazas dos aparcadoiros subterráneos,
a proxección de 7 aparcadoiros disuasorios de 12.000 m2 e 600 novas
prazas e a humanización da Avenida Duquesa de Lugo, da rúa Soto
Freire ou da Praza Agro do Rolo, así como a peonalización de
Quiroga Ballesteros e a Praza da Milagrosa, que está prevista para
os vindeiros meses.