Lugo celebra esta finde o ArduinoDay

xoves, 4 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Lugo vai ter novamente unha finde tecnolóxica, logo da cita cos videoxogos e as súas vertentes máis construtivas celebrada os días pasados (o Ludus Gamin Festival). E, sen saírnos da liña construtiva, participativa e colaborativa, a concelleira de Economía Ana Prieto deu a coñecer onte a celebración do ArduinoDay na cidade da Muralla. Será este sábado 6 de abril, da man da Asociación MakersLugo e coa colaboración do Goberno local.
A cita foi dada a coñecer na sala de usos múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías pola edil de Economía e Emprego e o presidente da dita comunidade argalleira lucense, José Manuel López. Segundo fixeron saber, o ArduinoDay celebrarase no CEI-Nodus, poñendo en xogo todo tipo de recursos para festexar as posibilidades de traballo e desenvolvemento interactivo que se abren co hardware libre Arduino e, tamén, para poñer aos participantes mans á obra. A festa, que se celebra por sexto ano consecutivo, incluirá competicións de robots e obradoiros educativos para as persoas interesadas en profundar no mundo das tecnoloxías libres e maker. O Concello colabora con esta programación, coa que Lugo se une á centos de celebracións que se realizarán o mesmo día e por todo o mundo para homenaxear o nacemento desta plataforma, que permite a construción de dispositivos dixitais.
Na presentación, na que tamén estiveron presentes outros membros da Asociación MakersLugo, Ana Prieto convidou á veciñanza luguesa a achegarse ao CEI-Nodus a visitar este evento, aberto a todo o público. Polsa súa banda, José Manuel López agradeceu a colaboración do Concello tanto co labor do colectivo como con esta cita.
O ArduinoDay poderá visitarse en horario de 10:30 á 13:30 horas e de 16:30 á 19:30 horas e contará coa presenza e as iniciativas de makers que ofrecerán aos visitantes unha gran variedade de proxectos innovadores. Tamén haberá un reto de impresión 3D, charlas (unha sobre Odoo e Arduino, outra sobre Cyclps-Project e outra de iniciación á impresión 3D), competicións de robótica e obradoiros, sobre modelado en 3D, foguetes e escornabots, entre outros enxeños e tecnoloxías. Ademais as persoas interesadas en mostrar o seu traballo, ideas ou aparellos baseados en Arduino, poden apuntarse para participar na ligazón www.makerslugo.org.

PUBLICIDADE