Lugo acolle mañá a I xornada do EmprendeTIC 2010

mércores, 23 de xuño do 2010 Raquel Noya

Os empresarios e empresarias do noso país interesados en ampliar os seus coñecementos en novas tecnoloxías para aplicalos á súa vida cotiá e mellorar a situación das súas empresas e negocios, teñen de prazo ata esta mesma tarde para incribirse no Proxecto EmprendeTIC 2010, que da comezo mañá xoves, 24 de xuño, coa xornada Tecnoloxía: Ferramenta para a integración, coorganizada por Cogami.
A Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial da Fundación CEL (SITE) foi a encargada de deseñar un programa formativo e demostrativo especializado en novas tecnoloxías para o devandito colectivo, e froito dese programa xurdiu o Proxecto EmprendeTIC 2010, que é unha continuación do EmprendeTIC 2009, celebrado con éxito o pasado ano.
Nesta primeira xornada, os relatores convidados darán a coñecer os produtos e servizos tecnolóxicos de apoio que existen no mercado actual e que as persoas asistentes poden levar ás súas empresas e fogares; así como os que parten da Administración, que permiten que as persoas con algún tipo de discapacidade logren unha maior accesibilidade.
Nesta xornada, que terá lugar no salón de actos da facultade de Humanidades do campus de Lugo, haberá relatorios que achegarán, entre outras cousas, información sobre a introdución das TIC neste colectivo, as iniciativas de integración laboral ou os incentivos públicos para a implantación de medidas que permitan superar barreiras. Como convidados estarán por exemplo, Enrique Varela Couceiro, presidente da Fundación Tecnoloxía Social e impulsor do proxecto O Camiño dos Satélites, Gil Barrero Llano, xerente da empresa especializada en solucións integrais para persoas con discapacidade Sistemas Avanzados para Mobilidade e Independencia e delegado na zona noroeste de BJ Adaptaciones; e os responsables dos proxectos INTIC e Inredis das fundacións Orange e Vodafone, respectivamente.
Asemade, as persoas asistentes poderán comprobar de primeira man o funcionamento de equipos informáticos adaptados.
A inscrición, que é de balde, pode efectuarse directamente a través da páxina web do proxecto, ou ben descargando o formulario, dispoñible no mesmo portal, e enviándoo por fax ao 982 284 922.

PUBLICIDADE